A terceira participación na Eurocup do Baxi Ferrol comezou como as dúas anteriores. O cadro da cidade naval impúxose, neste caso ao Beroe, na cidade búlgara de Stara Zagora. O cadro de Lino López tomou vantaxe no primeiro cuarto, que estragou no segundo. Co partido igualado, a chave estivo na mellora defensiva tras o descanso, que permitiu ás galegas tomar unha vantaxe que pode representar a diferenza entre ambos equipos neste comezo da temporada. O pase definitivo á fase de grupos deberá confirmarse en Ferrol, no partido de volta da próxima semana.
Saber vivir no caos
Agás o 2-0 inicial logo de dous tiros libres de Katanić, o Baxi Ferrol estivo sempre por diante do Beroe no primeiro cuarto. O conxunto galego adaptouse moito mellor a un xogo de imprecisións estando máis acertado en ataque. O coral parcial de 0-11 fixo que Gospodinov gastara o seu primeiro tempo aos pouco máis de tres minutos de xogo. A zona das locais valeulles para impedir que a progresión na desvantaxe crecera exponencialmente. O Baxi Ferrol seguiu cunha defensa moi agresiva que prolongou que as búlgaras mantiveran os seus desacertos por unha aceleración do xogo que non eran quen de controlar. O período rematou cunha tampa de Šotolová a Madankova. Malia o 9-23, seguro que Lino López non ficou feliz co mostrado na pista.
Faltas e concesións dan un 26-14
O segundo cuarto comezou cunha tripla de Šotolová que ampliaba a vantaxe 17 puntos. Unha tripla substitución de López fíxolle mal ao equipo, que perdeu progresivamente a vantaxe por unha deficiente defensa, que se cargaba de faltas ao tempo que concedía varios tiros libres ao cadro búlgaro, poñéndose en bonus aos tres minutos. O técnico do cadro ferrolán pediu tempo con 21-26. O improvisado corro logo dunha falta na pintura de Melia a Turmel tampouco revitalizou ao equipo ferrolán. A francesa eludía a caixa momentánea do Baxi cun tiro a media distancia co que empataba a 28 e, malia que Pierce recuperaba a vantaxe no seguinte ataque, un tiro libre de Stoyanovska, xunto ao rebote ofensivo de Kucowski, que incluíu canastra e tiro adicional anotado pola falta de Priede, colocou por atrás ás galegas. Os seguintes instantes movéronse coas locais combinando o empate e os dous puntos arriba para as locais, que foron tres por unha técnica cando Lino López protestou por unha falta de Kocowski a Eke cando a visitante revirouse na pintura para errar o tiro a táboa. Katanić anotou o libre, gañou a que sería maior diferenza no partido a prol das locais (35-32) e noutra volta ao caos, o Baxi Ferrol puido alcanar o descanso cun 0-5 grazas a un acerto de Galičková e unha tripla de Šotolová a dous segundos do remate do cuarto.
Impoñer a superioridade desde atrás
Unha tripla de Stoyanovska foi respondida con outra de Doogan no comezo do segundo tempo. Katanić igualou números antes de entrar nunha pequena fase de desacertos no tiro de ambos rivais quebrados cunha asistencia de Castedo a Eke baixo o aro local. Doogan e unha tripla de Shaw afastaron ao Baxi Ferrol partindo dunha mellor defensa que impedía a anotación do Beroe. O tempo morto local non parou o bloqueo ofensivo das xogadoras de Gospodinov até que unha tripla de Katanić colocou o 43-49 a 5:37 do remate do terceiro cuarto. O acerto non mudou a inercia que tomara o xogo e o Baxi acabou establecendo unha diferenza de trece puntos porque Gunnels volveu a anotar para as locais no seu último ataque grazas a dous tiros libres.
Subtítulo segundo tempo
Case minuto e medio demorou a primeira canastra do derradeiro cuarto. Galičková deu tamén valor estatístico ao pase fácil de Martínez. Mediado o cuarto, o Baxi deu outra estirada cos acertos de Shaw e Doogan (48-65). O partido moveuse nesas marxes até o último minuto no que unha canastra de Belosević deu a máxima vantaxe ao cadro galego (57-76), rebaixada nos últimos instantes pola primeira canastra de Teneva e a segunda de Petrova.
O Baxi Ferrol deberá corroborar o pase á fase de grupos o próximo día 1 de outubro na cidade naval.
Ficha
XOVES 24/09/2026 (16,00 h.l.) Campo: OBSHTINSKA (Stara Zagora-Bulgaria) (320)
B.K. BEROE : 61 – BAXI FERROL : 76 (9‑23) (35-37) (46-59)
BER : Stoyanovska (16), Madankova (1), Katanić (10), Kucowski (5), Turmel (10) – cinco inicial -, Petrova (4), Gunnels (11), Grigorova (2), Teneva (2), Bakalova (0). Tre. Nikolay Gospodinov.
BAX : Castedo (5), Shaw (16), Belošević (8), Doogan (20), Eke (6) – cinco inicial -, Martínez (0), Šotolová (11), Melia (2), Galičková (4), Priede (4). Tre. Lino López.
Árbitros: Yalman (Turquía), Manojlović (Serbia), Dhalhavi (Israel).
Eliminadas: Non houbo.
Foto: Galičková lanza de tres. © FIBA