“Lugo disporá dunha nova estación, pero non contará con trens AVE”, segundo advirten os senadores que censuran que “Sánchez condene a Lugo a ser unha provincia de segunda que perde competitividade e oportunidades”.
O Goberno de España confirma, en resposta oficial a preguntas do senadores do PP lucense, que “non ten data para a apertura da nova estación intermodal de Lugo”.
O Goberno de Sánchez asegura, ademais, que Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) “traballa na documentación relativa ao expediente de posta en servizo da estación, a presentar na Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria”.
Os representantes do PP pola provincia no Senado -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- están a facer seguimento da situación das obras e téñense dirixido formalmente ao Executivo para esixirlle unha data concreta e inaprazable para a apertura e posta en servizo da nova infraestrutura “sen que explique os motivos polos que os lucenses temos que seguir agardando despois de dous anos de obras e varios incumprimentos en relación á súa inauguración”.
Os populares lembran que “foi precisamente na Cámara Alta onde o Ministro Puente asegurou que estaría por Lugo no mes de xuño deste 2026 para inaugurar a estación intermodal; pero, unha vez máis, comprobamos que se trataba doutra promesa incumprida”.
Os senadores do PP lucense inciden en que “Lugo disporá dunha nova estación, pero non contará con trens AVE”. Os populares lembran que “Lugo é a única provincia galega que queda fóra da alta velocidade porque Sánchez renunciou ás variantes ferroviarias que deixara proxectadas o anterior Goberno do Partido Popular”.
Os populares apuntaron tamén que “o Ministerio tampouco recuperou os servizos e frecuencias anteriores á pandemia” entre os que se atopaba a conexión co norte de España e o tren-hotel a Barcelona.
“Sánchez condena a Lugo a ser unha provincia de segunda que perde competitividade e perde oportunidades”, advirten. E todo, “co apoio do PSOE e a complicidade dos seus socios de Goberno, o BNG”.