A III Semana da Paleontoloxía amplía a súa programación e achega a ciencia a públicos de todas as idades en diversos espazos da Coruña

Do 30 de setembro ao 6 de outubro, o CICA, o CITEEC e o Instituto Universitario de Xeoloxía da UDC organizan conferencias abertas, actividades educativas, Paleocharlas, cine e obradoiros dentro e fóra da Universidade.

A III Semana da Paleontoloxía celebrarase desde mañá, día 30 de setembro ata o 6 de outubro cunha programación que medra na súa terceira edición para achegar a investigación paleontolóxica a públicos de todas as idades. Organizada polo Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) e o Instituto Universitario de Xeoloxía (IUX) da Universidade da Coruña, a iniciativa combinará durante unha semana conferencias, actividades educativas, obradoiros, cine e encontros divulgativos dentro e fóra da Universidade da Coruña.

Unha das principais novidades desta edición é a incorporación do ciclo de conferencias “A Paleontoloxía na era tecnolóxica: descifrando o pasado para entender o futuro”, aberto a toda a cidadanía. Catro especialistas de Galicia e doutras universidades españolas abordarán cuestións que van desde a paleontoloxía de proximidade ata a perforación oceánica, os trilobites ou a información que conservan os fósiles vexetais.

A Semana reforza ademais a súa programación educativa para achegar a ciencia a diferentes xeracións. As actividades comezarán co alumnado de 6º de Educación Infantil do Colexio Plurilingüe Franciscanas da Coruña, un centro que ofrece todas as etapas educativas e aposta por unha formación integral, o plurilingüismo e o rigor académico, achegando desde as primeiras idades experiencias que conectan a aula coa cultura, a ciencia e a contorna.

Durante os vindeiros días desenvolveranse actividades con alumnado de distintas etapas educativas e a programación chegará tamén á Universidade Sénior, cuxos participantes visitarán o CICA para participar nunha actividade científica. Deste xeito, a Semana da Paleontoloxía constrúe un percorrido divulgativo que vai desde Educación Infantil ata a formación sénior e adapta tanto os contidos como os formatos a cada público.

Fósiles, reconstrución de ambientes do pasado, microfósiles e clima, circulación oceánica, modelos 3D ou realidade aumentada serán algunhas das ferramentas e temas utilizados para mostrar non só que sabemos sobre o pasado da Terra, senón tamén como se investiga hoxe en paleontoloxía.

A paleontoloxía inunda a cidade

A programación estenderase así mesmo por distintos espazos da Coruña. O xoves 1 de outubro, de 19:30 a 20:30 horas, o Bar Árnica acollerá as Paleocharlas, un encontro de divulgación nun formato próximo e informal. Ana García Vázquez falará sobre “Vellos ósos, novas pegadas: pasado e presente do oso pardo en Galicia” e Gloria González Fortes abordará “Que nos fai humanos? Unha mirada paleoantropolóxica ao concepto de especie, hibridación e evolución”.

O sábado 3 de outubro, a Semana dirixirase especialmente ao público familiar no Fórum Metropolitano. A xornada incluirá a proxección de “Mary Anning e a praia dos dinosauros” e obradoiros infantís gratuítos de paleontoloxía xunto á asociación UDC Big Bang, con propostas prácticas para buscar e identificar fósiles, elaborar réplicas e descubrir como se reconstrúe a historia xeolóxica do noso planeta.

Esta terceira edición é posible grazas ao financiamento de fondos europeos a través do programa CIGUS da Xunta de Galicia, ao que pertence o CICA, e ao apoio das axudas da Facultade de Ciencias da UDC para a organización de ciclos de conferencias.

A organización quere destacar tamén a implicación das numerosas entidades que fan posible levar a Semana a diferentes espazos e públicos. A colaboración dos Museos Científicos Coruñeses, as Bibliotecas Municipais da Coruña, o Concello da Coruña, UDC Big Bang e o Bar Árnica, xunto cos centros educativos participantes e o persoal investigador implicado, resulta fundamental para facer da Semana da Paleontoloxía unha iniciativa compartida entre a universidade e a cidade.

Programa aberto ao público

Mércores 30 de setembro · 13:00 h · Facultade de Ciencias

Adriana Oliver

Paleo no barrio: ciencia de proximidade en Galicia

Xoves 1 de outubro · 13:00 h · Salón de Actos do CICA

José Abel Flores Villarejo

A perforación oceánica profunda e a súa transcendencia na definición dos paradigmas xeolóxicos

Xoves 1 de outubro · 19:30–20:30 h · Bar Árnica

Paleocharlas

Ana García Vázquez — Vellos ósos, novas pegadas: pasado e presente do oso pardo en Galicia

Gloria González Fortes — Que nos fai humanos? Unha mirada paleoantropolóxica ao concepto de especie, hibridación e evolución

Sábado 3 de outubro · 11.30-14:00 h · Fórum Metropolitano

Paleontoloxía en familia 

Proxección de Mary Anning e a praia dos dinosauros e obradoiros infantís gratuítos de paleontoloxía con UDC Big Bang

Luns 5 de outubro · 13:00 h · Facultade de Ciencias

Sara Romero Gómez

Como se fai unha tese de doutoramento en Paleontoloxía? A miña experiencia como especialista en trilobites

Martes 6 de outubro · 13:00 h · Facultade de Ciencias

José Bienvenido Díez Ferrer

Que nos contan os fósiles de plantas? Unha visión diferente da evolución biolóxica

Todas as actividades abertas ao público son gratuítas ata completar a capacidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios