O BNG do Corgo consegue o apoio unánime do Pleno para solicitar a ADIF a cesión da antiga vía do tren e convertela nunha Vía Verde

Pilar Bellón destaca que a iniciativa permitirá recuperar un espazo actualmente abandonado, poñelo ao servizo da veciñanza e conservar a memoria ferroviaria do concello.

O BNG do Corgo conseguiu o apoio unánime da Corporación municipal á súa proposta recolida das demandas da veciñanza de Maceda, para solicitar a ADIF a cesión dos terreos ocupados polos antigos tramos da vía ferroviaria que quedaron en desuso no municipio, co obxectivo de recuperalos e transformalos nunha Vía Verde.
A portavoz municipal do BNG, Pilar Bellón, valorou positivamente que todas as forzas políticas apoiasen a iniciativa, sinalando que “é unha boa noticia que exista unanimidade para avanzar na recuperación dun espazo que forma parte da historia do Corgo e que pode ter agora unha nova vida ao servizo da veciñanza”.

A proposta do BNG parte da situación de diferentes tramos da antiga vía que quedaron liberados de raís e travesas tras as modificacións do trazado ferroviario. Entre eles atópase o de Maceda, cuxa veciñanza leva desde 2021 reclamando a recuperación destes terreos como Vía Verde. No conxunto do concello, os tramos en desuso sumarían arredor de catro quilómetros.

O BNG considera que a súa recuperación permitiría crear un itinerario seguro e saudable para camiñar, practicar deporte e desfrutar da contorna, ao tempo que se evita que a maleza e o abandono continúen deteriorando estes espazos.

Bellón destacou ademais a oportunidade de incorporar ao percorrido paneis informativos sobre a historia ferroviaria do Corgo, lembrando a importancia que tivo o tren para a vida económica e social do municipio desde a posta en marcha do tramo Lugo-Sarria en 1878.

“Queremos transformar un espazo abandonado nun recurso para a veciñanza, recuperar patrimonio e manter viva a memoria do que significou o ferrocarril para O Corgo”, concluíu Pilar Bellón.
Co acordo unánime do Pleno, o Concello deberá agora dirixirse a ADIF para solicitar a cesión destes terreos e avanzar na creación da futura Vía Verde do Corgo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios