Persoas expertas en Relacións Internacionais analizarán os retos da nova gobernanza global e as oportunidades que abre Asia para a comunidade.
O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación acolle, o vindeiro mércores 28 de outubro, a partir das 16:00 horas, as IV Xornadas “Ferrol no Mundo do Século XXI: Ferrol e Galicia no diálogo Oriente-Occidente” que organizan o Campus Industrial de Ferrol e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) en colaboración co Observatorio da Política China (OPCh).
Logo da sesión inaugural, presentada polo xornalista Tino Santiago, ás 16:30 horas, terá lugar a primeira mesa titulada “Galicia e Ferrol ante a nova gobernanza global: Europa, China e Asia no século XXI” e na que participarán o coordinador do grao en Relacións Internacionais na Universidad Francisco de Vitoria (UFV), Francisco Cortizo Rodríguez; a investigadora predoutoral no Centro de Estudios de Asia Oriental (CEAO) da Universidad Autónoma de Madrid (UAM), Blanca Marbini San Martín (en liña); e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e profesor da Universidade da Coruña (UDC), Christoph Schreinmoser.
A segunda mesa, “Galicia e Asia: Investimento, Internacionalización e Novas Oportunidades Económicas”,dará comezo ás 17:30 horas e nela falarán o secretario do IGADI, coordinador da Liña de Análise e Investigación en Economía da entidade e profesor do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Diego Sande Veiga, e o director adxunto do Observatorio da Política China (OPCh), Daniel González Palau.
Ás 18:45 horas terá lugar a terceira e última mesa redonda das xornadas titulada “Máis alá da economía: cultura, lingua e coñecemento mutuo entre Galicia e Asia”. Nela, intervirán a vicedirectora do IGADI e profesora de chinés na Escola
Oficial de Idiomas (EOI) de Vigo, Marola Padín Novas; a técnica superior en Comercio Internacional, Peile Lin; e o xornalista e escritor Nicolás Vidal.
As IV Xornadas “Ferrol no Mundo do Século XXI: Ferrol e Galicia no diálogo Oriente-Occidente” están dirixidas ao alumnado do grao en Relacións Internacionais, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, e abertas a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado. A asistencia é libre e gratuíta ata completar o aforo. Máis información, enviando un correo electrónico a info@igadi.gal.
Comeza o curso “As Nacións Unidas no Mundo do Século XXI: Gobernanza Global, Axenda 2030 e o Papel de Asia”
Hoxe, mércores 7 de outubro, ás 18:00 horas, a aula 1.5 da Facultade de Humanidades e Documentación acollerá a primeira sesión do curso “As Nacións Unidas no Mundo do Século XXI: Gobernanza Global, Axenda 2030 e o Papel de Asia” na que o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e profesor da Universidade da Coruña (UDC), Christoph Schreinmoser, impartirá a conferencia titulada “O Sistema das Nacións Unidas nun Mundo Multipolar: O Papel do Sur Global”.
A segunda sesión, “Axenda 2030 e Gobernanza Global e Desenvolvemento Sustentable”, terá lugar o mércores 14 de outubro, tamén ás 18:00 horas. Nesta ocasión, o relator será o director adxunto do Observatorio da Política China (OPCh), Daniel González Palau. O programa complétase cunha terceira sesión prevista para o mércores 21 de outubro á mesma hora, titulada “Traballar nas Nacións Unidas e nas Organizacións Internacionais” e impartida pola responsable de Comunicación da ONU para España e Andorra, Leticia Álvarez Reguera.
Esta proposta formativa, impulsada polo Campus Industrial de Ferrol e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) en colaboración co Observatorio da Política China (OPCh), ofreceralle ao público asistente, principalmente alumnado do grao en Relacións Internacionais, unha análise pormenorizada do papel das Nacións Unidas no contexto internacional, poñendo o foco na gobernanza actual, nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 e na crecente relevancia de Asia na configuración da orde mundial.