Néstor Rego exixe ao Goberno a paralización inmediata dos desafiuzamentos de familias vulnerables en pisos da Sareb en Narón

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixiu esta mañá parar o desafiuzamento dunha familia en situación de vulnerabilidade que reside nun edificio da Sareb situado no número 5 da Praza do Asilo.

Rego acudiu ao lugar acompañado polos concelleiros do BNG en Narón, Geno Carballeiro e Olalla Ledo, ademais de veciños e persoas afectadas polas prácticas da entidade. Durante a visita, denunciaron a situación límite que atravesa unha familia —formada dunha muller, a súa nai e dous menores, con informe de vulnerabilidade e perceptores da Risga— que se enfronta a un lanzamento previsto para este próximo fin de semana. Así mesmo, lembraron os casos doutras persoas xa expulsadas ou ameazadas de desallo nese mesmo bloque e noutros puntos da Galiza.

«A entidade, de capital maioritariamente público, non supervisa nin inspecciona as vivendas. Encoméndaas a empresas intermediarias que, como xa demostramos, realizan prácticas de intimidación para buscar un maior rédito económico«, criticou Rego, quen esixiu á Sareb que rectifique e retire a orde de desafiuzamento.

Acoso inmobiliario e esixencia de alugueiros sociais

Desde o BNG apuntouse que a familia afectada sufriu un constante acoso por parte da inmobiliaria Gallega Directa 2018 S.L. para reclamar unhas mensualidades atrasadas cando, segundo unha resolución xudicial do Tribunal de Instancia de Ferrol, o inmoble xa era propiedade da Sareb naquel período. A mesma problemática afecta a outro fogar do edificio.

Ante isto, o deputado nacionalista recalcou que a única solución pasa por asinar de inmediato contratos de alugueiro social: «A situación de vulnerabilidade está máis que demostrada; teñen dereito a vivir dignamente sen estar constantemente perseguidas por unha inmobiliaria».

Prohibición de desallos e transferencia de vivenda pública

Néstor Rego demandou ao Goberno central que actúe con urxencia e paralice todos os desafiuzamentos en pisos en mans da Sareb. «Non se entende que, mentres se anuncian medidas para paralizar desallos até 2030, non se empecen por prohibir nos inmobles de titularidade pública» sinalou.

Finalmente, o BNG reiterou a necesidade de transferir todo o parque inmobiliario da Sareb na Galiza para integralo nunha bolsa de vivenda pública e de aluguer social, ao tempo que reclamou medidas para frear a especulación, topar os prezos dos alugueiros e protexer de xeito efectivo as persoas inquilinas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios