O PP de Vilalba critica que a alcaldesa “prefira facer vídeos de bailes que xestionar correctamente os recursos que o Concello recibe da Xunta”

Tamén acusan á rexedora socialista de “intentar mentir aos vilalbeses negando investimentos da Xunta en infraestruturas de competencia autonómica” toda vez que “contempla preto de 1M€ para acometer obras de eficiencia enerxética no xulgado de Vilalba”.

O PP de Vilalba critica que a alcaldesa “en lugar de xestionar de forma óptima os recursos que recibe o Concello dende a Xunta de Galicia, se dedique a sacarse fotos e vídeos de bailes mentres esquece ao rural, ao polígono e aos servizos básicos, que ten que ser a Xunta de Galicia os que os atenda”.

Os concelleiros do Partido Popular afean que “as únicas preocupacións da alcaldesa sexan facerse vídeo cos cartos de todos os vilalbeses e vilalbesas e intentar facerlle oposición á Xunta de Galicia, que é a Administración pública que máis aporta a Vilalba e aos vilalbeses”.

Así, corrixen á rexedora socialista por “intentar mentir aos vilalbeses negando investimentos da Xunta en infraestruturas de competencia autonómica no municipio” toda vez que “o Goberno galego contempla preto de 1M€ para acometer obras de eficiencia enerxética no xulgado de Vilalba”. E estas actuacións súmanse ás rematadas neste mesmo ano para o acondicionamento da nova oficina de emprego que está en funcionamento dende mediados de 2026.

A Xunta incrementa, nos seus Orzamentos para o 2027, os fondos para os servizos públicos de competencia autonómica nun 7,1% dirixindo 3 de cada 4 euros a gasto social – sanidade, educación e política social-, duplica o orzamento para a mellora de camiños e infraestruturas rurais e incrementa nun 8,4% o Fondo de Cooperación Local que permite aos Concellos acometer as actuacións que libremente decidan. 

A este fondo engádense outras axudas específicas para os Concellos “ás que se pode presentar o goberno local. Pero o que sabemos da súa xestión é que deixan perder subvencións e que poñen paus nas rodas ás actuacións que pretende facer a Xunta, pero que dependen de permisos municipais”.

SECTORES PRODUTIVOS E FIABILIDADE

Dende o PP vilalbés aseguran que “a alcaldesa esquece que Vilalba conta cun polígono industrial” á vista de que “non hai avances de cara a súa ampliación”. En cambio, “a Xunta de Galicia inviste no principal pulmón económico do noso municipio”, subliñan. “Dous exemplos recentes son o financiamento da instalación de cámaras de vixilancia demandadas polos empresarios e a axuda a Entrepinares para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios cos que poñer en marcha unha nova liña de fabricación.

Os populares tamén subliñan “a importancia do sector primario no rural de Vilalba” e lembran que a Xunta ingresará aos agricultores e gandeiros esta mesma semana pagos correspondentes ao anticipo da PAC.

“Os gobernos deben caracterizarse pola súa fiabilidade”, defenden. E o Goberno galego é un exemplo de “estabilidade” como demostra presentando os Orzamentos en tempo e forma para garantir o correcto funcionamento da Administración autonómica.

Pola contra, o goberno local non ofrece esa “fiabilidade” aos veciños nin ao tecido produtivo: “tarda en convocar e resolver axudas municipais a colectivos do municipio e, este ano, presentou os Orzamentos municipais co exercicio xa iniciado e non logrou o apoio maioritario da corporación local tendo que someterse a unha cuestión de confianza inédita no Concello de Vilalba”.

Os concelleiros do Partido Popular convidan á rexedora a “xestionar os recursos do Concello para garantir servizos aos vilalbeses e non para facer vídeos cos que pretende fomentar a súa propia imaxe”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios