O parcheo “chapuzas” do alcalde de Malpica de Bergantiños

Segunda a versión oficial do rexedor, no Concello non queda un peso e a bancarrota asoma nas contas municipais. Pese a todo, o milagre produciuse e o bacheo xa está rematado. Sen aclararse aínda se o financiamento xurdiu duns petos veciñais, dunha partida da Deputación, dun crédito de Abanca, do peto do Alcalde ou dun auxilio da Xunta, o Goberno local puxo a maquinaria a andar para executar unha intervención que, lonxe de resolver o problema, ten toda a pinta de ser unha chapuza antolóxica.

Menos mal que os ediles do Goberno local repasan o móbil non só para ver os WhatsApp, senón que aproveitan para ler o que din os diarios dixitais. Nesta ocasión leron a denuncia dos baches no xornal dixital 21noticias; de non ser así, os poucos euros que van quedando na caixa teríanse gastado en calquera outra ocorrencia de despacho.

Di o refrán galego que «o que non ten cabeza, ten que ter pernas», pero no Concello de Malpica parece que o que non hai nos orzamentos suplese cun ollo posto nos titulares. Tras as oportunas denuncias sobre o lamentable estado das estradas locais, o milagre fíxose carne… ou, mellor dito, alquitrán.

Non vaian pensar vostedes que o señor alcalde colleu a funda de traballo e a pala e pico para remangarse a pé de obra, acudiu coma un pìncel de elgante a visitar o bacheo. Tampouco se lle pode pedir tanto ao liderado municipal: a tarefa encomendouse, como manda o protocolo da comodidade, á empresa concesionaria de quenda. E o resultado da expedición bacheadora foi, como non podía ser doutra maneira, pura poesía da retranca.

A técnica aplicada merece un estudo de enxeñaría de vangarda. O método consiste noutra sutil combinación de visión selectiva e economía do alquitrán, alí onde 21noticias sinalaba un bache, a cuadrilla acudiu con prema a tapalo. O problema é que xusto ao lado había outros tres buracos do tamaño dunha tixola, pero eses, polo visto, non viñan reflectidos na noticia. E claro, o que non se ve na prensa, non existe.

Vése que a consigna era clara: tapar o xusto para a foto e gardar o resto do alquitrán «por se volve saír nos xornais». A este ritmo de aforro orzamentario, o Concello vai conseguir o fito histórico de deixar estradas a medio asfaltar con aspecto de taboleiro de xadrez: unha de negro e tres de cráter.

Desde aquí só nos queda felicitar ao rexedor pola súa ben nutrida axenda de lectura. Alégranos saber que este medio lle serve de guía de mantemento urbano. Iso ca si, para a próxima entrega da sección de «obras e servizos», suxerímoslle ao alcalde que, cando envíe á empresa a tapar un buraco, lle preste tamén as gafas de ver de preto. Que os baches de Malpica non son como as meigas, que «haberlos, haylos»: estes vénse a tres quilómetros de distancia e non fai falta que se os volva lembrar a prensa para tapalos todos dunha soa vez.

Por certo, onde está o sinal que o «vento» tirara? Quero supoñer que o levaron para «enderezar» e non para a chatarra.

Menteres tanto, os veciños de Malpica poden circular tranquilos: polo menos un de cada catro baches xa é historia. O resto forman parte do patrimonio paisaxístico do municipio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios