O PP insiste na necesidade de ampliar o Museo do Mar e esixe a PSOE e BNG que tomen nota da unanimidade Concello de Cervo

Antonio Ameijide: “Tras este acordo, PSOE e BNG na Deputación non poden mirar cara outro lado. Carmela López debe ter altura de miras e un compromiso real, deixar a un lado as estratexias partidistas e sacar adiante un proxecto que dinamizaría cultural e turisticamente Cervo e toda a comarca da Mariña” .

Os deputados do Grupo Provincial Popular reclaman, unha vez máis, a PSOE e BNG que asuman as súas competencias e traballen na ampliación do Museo do Mar de Cervo.

Os deputados Antonio Ameijide e Demetrio Salgueiro mantiveron unha xuntanza coa alcaldesa de Cervo, Dolores García, para abordar a situación deste Museo e coñecer como no pleno do concello cervense todas as forzas políticas presentes na corporación apoiaron de forma unánime que a Deputación amplíe de inmediato estas instalacións.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda que esta petición “xa a defendemos en varias ocasións no pleno da Deputación”, e a última, no pleno de xuño, “tivo como resultado que tanto PSOE como BNG optaron por mirar cara outro lado, xa que en lugar de comprometerse coa ampliación miraron cara outro lado e optaron por absterse na votación”.

Neste senso, Ameijide pide á presidenta, Carmela López que “recapacite e que teña altura de miras e un compromiso real”, deixando de lado as estratexias partidistas para sacar adiante un proxecto que dinamizaría cultural e turisticamente tanto o concello cervense coma toda a comarca da Mariña.

Esta dotación cultural constitúe un piar e un referente absoluto e singular, ao ser o único de toda a provincia centrado de forma exclusiva en preservar e divulgar o legado do noso patrimonio mariñeiro, “polo que non se entende que a alcaldesa do municipio limítrofe mire cara outro lado”.

A totalidade da corporación de Cervo vén de apoiar unha iniciativa impulsada pola alcaldesa, Dolores García, para que a Deputación Provincial de Lugo asuma a ampliación do Museo do Mar e a súa xestión, co obxectivo de garantir un modelo de funcionamento unificado, coherente e eficiente para todo o complexo museístico. “Unha iniciativa que apoiaron PSOE e BNG en Cervo; os seus compañeiros á fronte da Deputación non poden mirar cara outro lado”, afirmou.

A realidade é que o incremento constante de pezas, maquetas e valiosos fondos documentais ao longo dos anos xustifica a necesidade de dotar ao Museo do Mar de maior espazo e duns recursos óptimos para a súa correcta catalogación, conservación e exhibición pública, xa que o actual edificio non dispón de espazo suficiente para mostrar todo o valioso legado que se conserva e faise necesaria unha ampliación para poder expoñer os fondos dispoñibles.

Cómpre recordar que o Museo de Cervo ten amosado o seu compromiso co proxecto de ampliación, como demostran as actuacións administrativas e urbanísticas necesarias que concluíron coa incorporación ao patrimonio municipal dos terreos e o inmoble lindeiro, polo que pedimos que a Deputación tamén dea ese paso adiante.

Os deputados populares seguirán a traballar para que a Deputación asuma a súa parte, algo para o que está previsto levar novas iniciativas aos vindeiros plenos.

Pola súa banda, Dolores García destaca que “a corporación municipal ao completo compartimos a necesidade de que o Museo do Mar teña unha xestión unificada e un proxecto de futuro. Desde o Concello estamos poñendo os medios ao noso alcance, adquirindo os terreos necesarios e mellorando a contorna, e estamos dispostos a ceder á Deputación a vivenda contigua ao actual museo para que poida asumir a ampliación e garantir un funcionamento coordinado de todo o complexo”.

“O que queremos é que a ampliación se faga realidade e que o museo funcione como un único equipamento, cunha planificación coherente e cunha xestión que estea á altura da importancia do noso patrimonio marítimo. Agora cómpre que a Deputación se sente co Concello e concretemos como avanzar”, afirmou a alcaldesa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios