ADEGA insta a Xunta a cumprir por vía forzosa a sentenza que restitúe a protección do territorio de Altri

Hai dous anos a Xunta aprobou a Estratexia da Infraestrutura Verde (EIV) na que eliminou a prevista protección da área na que se ía implantar o proxecto de ALTRI, sen achegar xustificación ningunha. Deste xeito, pretendíase facilitar a construción da factoría nun territorio con hábitats prioritarios e especies ameazadas, o que sería imposíbel se ese espazo mantivera a súa inicial consideración como “zona de amortecemento” no proxecto de EIV. 

ADEGA recorreu en contencioso a Orde que aprobaba a Estratexia modificada e, en febreiro de 2026, o TSXG fallou a favor da organización ecoloxista (sentenza 00060/2026), condenando á Xunta a recuperar a consideración como “zona de amortecemento” da área pretendida por ALTRI. No seu fallo, a Sala Segunda do TSXG considerou que o proceder da Xunta resultaba contrario ao principio de non regresión en materia medioambiental e “contraditorio e sumamente estrano” ao non motivar nin xustificar ese cambio de criterio a respecto da protección do territorio en cuestión. 

Esta sentenza viña a eliminar calquera expectativa de que ALTRI puidese desenvolver o seu proxecto de celulosa na área prevista, o que invalidaba de facto a DIA (Declaración de Impacto Ambiental) outorgada no seu momento por Medio Ambiente por non contemplar os niveis de protección dese territorio inherentes á condición de “zona de amortecemento”. 

En abril deste ano, a sentenza deveu firme. Porén, a Xunta decidiu non executala voluntariamente desobedecendo o TSXG. Agora, transcorridos 6 meses desde a declaración xudicial de firmeza, ADEGA vén de instar a execución forzosa da sentenza. Nela fallouse que a Xunta debía recuperar a protección da zona tal e como figuraba antes do trámite de información pública, anulando a posterior modificación perpetrada para favorecer ALTRI. Consecuentemente, a execución forzosa da sentenza implicaría que a DIA incorra en vicio de nulidade e ALTRI deixe de contar co aval ambiental para construír a súa fábrica nese territorio, en caso de que se queira retomar o proxecto.

A Xunta manobra para burlar os efectos da sentenza sobre a Estratexia galega de infraestrutura verde

Na “Lei de acompañamento” aos orzamentos de 2027, a Xunta pretende introducir unha modificación da Lei de ordenación do territorio relativa á Infraestrutura verde, que ten por único obxecto burlar a Sentenza do TSXG (00060/2026) que codenou á Xunta a manter dentro da EIV a protección como zona de amortecemento da área na que pretendían asentar o proxecto de Altri. 

Este burdo manexo parte da idea dunha suposta confusión entre a Estratexia infraestrutura verde aprobada en 2024 e a Infraestrutura verde na Lei de ordenación do territorio de 2021. A Xunta modifica o punto 3 do artigo 4 da Lei 1/2021 de xeito que “os instrumentos de ordenación do territorio terán en conta as determinacións establecidas nos instrumentos de planificación dos Espazos Naturais protexidos, así como os elementos que, cumprindo as directrices das estratexias de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, integren a infraestrutura verde de Galicia trala súa selección e declaración formal». E modifica a norma (suprime o artigo 9.2 e modifica o artigo 9.3 e a letra h do art. 24.1) para facer que os instrumentos de ordenación do territorio definan a Infraestrutura verde e regulen o que se poida facer nos seus espazos, previa declaración oficial deles pola Xunta. Así, a protección automática dos espazos contidos na Infraestrutura verde sinalada na Estratexia pasa agora a ser discrecional, segundo determine o Consello da Xunta. 

Antes desta modificación, os espazos definidos na EIV tiñan que ser directamente recollidos, identificados e caracterizados nos instrumentos de ordenación do territorio. Despois da modificación, fará falla que a Xunta declare oficialmente eses espazos a incluír na Infraestrutura verde, máis alá da súa presenza na Estratexia galega aprobada no 2024. 

Trátase dunha trécola antidemocrática e infame da Xunta para recuperar o aval ambiental ao proxecto de ALTRI no caso de que PP-VOX cheguen ao goberno no Estado e modifique tamén a planificación eléctrica. Esta mudanza lexislativa golpista ten unha finalidade similar á que posibilita a retramitación dos parques eólicos cautelarmente paralizados, concibida tamén para burlar os efectos das decisións xudiciais. Se por senteza se declara a ilegalidade dunha acción da Xunta ou se paralizan os efectos dunha decisión administrativa, o PP aplica o rolo parlamentar para subverter a división de poderes e o control do poder executivo polo xudicial. O PP sitúase outra vez na subversión do Estado de Dereito pola vía do DOG para favorecer os intereses privados e pontear as decisións xudiciais.  

ADEGA advirte á cidadanía galega de que o PP está decidido a retomar o proxecto da macrocelulosa de Altri se chega ao goberno do Estado, e traslada a súa preocupación ao propio poder xudicial, o cal debería tomar nota deste proceder polo ben xeral do sistema democrático. En todo caso, a organización ecoloxista galega manifesta a súa determinación de loitar fronte á segura reactivación administrativa do proxecto de ALTRI se PP-VOX chega ao goberno.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios