O BNG de Outeiro de Rei reclamará no pleno do xoves o debate de dúas mocións sobre vivenda e o IBI, xa que a orde do día só inclúe unha

O grupo nacionalista denuncia que só admitiu a proposta relativa ás bonificacións no Imposto sobre Bens Inmobles e reclamará que se incorpore outra sobre vivenda.

O Grupo Municipal do BNG de Outeiro de Rei levará ao pleno municipal deste xoves dúas mocións centradas na política fiscal e no acceso á vivenda. Porén, só unha delas, a relativa ao Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), figura na orde do día, a pesar de que ambas foron presentadas en tempo e forma e de maneira consecutiva.

O BNG considera que esta decisión “limita a capacidade de actuación da oposición” e lembra que unha sentenza do Tribunal Supremo do 9 de abril recolle que a Alcaldía non pode limitar artificialmente o número de mocións da oposición que se incorporan á orde do día, o que suporía limitar a actuación da oposición a 6 propostas ao ano.

Ademais, os nacionalistas denuncian que á súa concelleira tamén se lle negou a palabra na sesión informativa anterior ao pleno, polo que reclamarán durante a sesión a inclusión da segunda iniciativa, relativa á situación da vivenda no municipio.

A moción que si se debaterá propón unha revisión da normativa municipal do IBI para introducir bonificacións fiscais, corrixir posibles cobros indebidos e actualizar a ordenanza. O BNG considera que a fiscalidade actual é “obsoleta e inxusta” e critica que o imposto sobre os terreos rústicos de Outeiro de Rei se sitúe entre os máis elevados da contorna.

A formación lembra que xa propuxera en 2023 bonificacións para instalacións de autoconsumo eléctrico e que tamén defendeu unha rebaixa do imposto para terreos rústicos e propiedades situadas en parroquias rurais. Neste sentido, cuestiona que a veciñanza de lugares como Aspai, Candai ou San Tomé pague a mesma porcentaxe que persoas residentes no centro da vila ou en zonas con maior dispoñibilidade de servizos. Tamén critica as subas municipais aplicadas nos últimos anos, entre elas o incremento do 11 % do IBI en 2023 e as subas das taxas da auga e do lixo en 2025.

Entre os acordos propostos figura que o Concello avalíe cantas persoas están pagando o IBI urbano por terreos que non reúnen as condicións para ter esa consideración e que, de ser o caso, devolva de oficio os importes cobrados indebidamente, xunto cos intereses correspondentes. A iniciativa tamén reclama bonificacións para instalacións de autoconsumo eléctrico, puntos de recarga de vehículos eléctricos e inmobles destinados a explotacións agrícolas ou gandeiras. Ademais, propón modernizar a ordenanza e substituír termos como “minusvalía” por “discapacidade”.

A preocupación pola falta de vivenda protexida

A segunda moción, cuxo debate o BNG reclamará durante o pleno, céntrase na falta de vivenda accesible e protexida en Outeiro de Rei. A formación considera que o acceso a un fogar constitúe “unha das principais preocupacións sociais, especialmente para a mocidade, as familias traballadoras e as persoas con rendas medias”.

Os nacionalistas sinalan que, segundo os datos que lles trasladou o Observatorio da Vivenda da Xunta, en Outeiro de Rei se rexistraron menos de seis fianzas de alugueiro legal para os anos 2025 e 2026. Para o BNG, esta cifra apunta a unha oferta moi limitada de arrendamento ou á existencia dun mercado irregular significativo. A formación tamén critica a falta de iniciativas municipais para ampliar a vivenda pública, impulsar axudas á rehabilitación e recuperar proxectos pendentes, como o da Palloza. A moción propón que o Concello adquira terreos ou os poña á disposición da Xunta para construír vivenda de protección oficial en réxime de alugueiro, que se urbanice a zona da Palloza para recuperar a vivenda pública prevista e que se aplique unha recarga de ata o 150 % no IBI ás vivendas desocupadas que estean en condicións de saír ao mercado do alugueiro. Tamén reclama un rexistro municipal de vivendas de uso turístico e que estas cumpran as taxas e normas de seguridade que correspondan aos negocios hostaleiros.

O BNG defende que Outeiro de Rei precisa unha planificación a medio e longo prazo para facilitar que a mocidade poida emanciparse no municipio e evitar que persoas que marchan estudar fóra non regresen por falta de oportunidades residenciais. Considera tamén que a vivenda debe ocupar “un lugar central” nas políticas locais e insiste en que reclamará o debate da súa proposta malia non figurar inicialmente na orde do día.

Comparte éste artículo
No hay comentarios