Iria Castro “Trátase dun novo recorte na atención sanitaria de Castroverde e non é un caso illado, vímolo sufrindo dende hai anos cando non cobren nin as baixas nin as vacacións”
A portavoz municipal do BNG en Castroverde denunciou hoxe que nos últimos anos os recortes puntuais veñen sendo constantes para o municipio de Castroverde: non se cobren vacacións dos
médicos de familia, non se cobren baixas e cando falta pediatra, tampouco se cubre, o que ocasiona que as familias se teña que desprazar ó HULA.
A semana pasada xubilouse unha das dúas profesionais de medicina familiar que temos no centro médico, o que ocasiona que a única médica que queda no centro de saúde teña que asumir os dous cupos nun concello de case 2500 habitantes. A
pesar de que anunciaron que se ía cubrir de forma puntual esa praza durante 4 horas, isto non reduce o incremento notable da carga asistencial e repercute directamente na calidade da atención sanitaria que recibe a veciñanza.
Iria Castro destacou que “isto non comeza hoxe, comeza en 2010 cando se retira a ambulancia medicalizada, continúa cando eliminaron un dos tres médicos que había e segue nestes últimos tres anos en que o PP está precarizando o noso servizo
sanitario ó non cubrir as baixas”.
Nestes momentos nos que se están presentando os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2027 e se fala de garantir servizos públicos no rural, non se poden deixar sen cubrir prazas médicas, non se poden recortar os recursos sanitarios no rural se
queremos que haxa xente que o habite.
Dende o BNG esiximos ó PP á fronte da Consellería de Sanidade que cubra de inmediato a praza da persoa xubilada e deixe de xogar ca saúde da veciñanza de Castroverde. A nosa saúde non pode depender do código postal, temos os mesmos
dereitos que calquera outro cidadán.
…