O PP de Cervo constitúe a súa nova xestora, encabezada pola alcaldesa Dolores García

Alfonso Villares subliñou que “este proceso demostra que somos un partido serio, responsable e que sabe afrontar as renovacións poñendo o proxecto colectivo e o noso concello por riba das persoas e dos cargos”.

O PP de Cervo aproba a constitución dunha xunta xestora encabezada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, e que contará cos actuais concelleiros do goberno local, os anteriores rexedores do Partido Popular, a presidenta de NNXX de Cervo e militantes de base.

Trala designación de García Caramés como responsable da agrupación local na última reunión da xunta directiva provincial, este martes o PP de Cervo completou o procedemento formal para a constitución da xestora ao completo durante unha reunión na que participou o secretario xeral do PP da provincia. Deste xeito, reorganizase o partido a nivel local para afrontar as vindeiras citas electorais nas que agardan “renovar a confianza maioritaria dos veciños e veciñas”, como teñen logrado dende 1999.

Dolores García puxo en valor a traxectoria e o traballo desenvolvido polo PP de Cervo ao longo dos anos, lembrando que “este é un proxecto que non nace hoxe, senón que conta cunha historia, cunha traxectoria e co esforzo de moitas persoas que contribuíron a facelo medrar”. Neste sentido, reafirmou o seu compromiso de “seguir traballando con ilusión, responsabilidade e unidade para dar continuidade a este proxecto e garantir que siga tendo presente e futuro en Cervo”.

Nese sentido, a constitución da xunta xestora permite “garantir a continuidade da actividade política e organizativa do Partido Popular no noso municipio” e “coordinar o traballo interno e manter a atención aos afiliados e aos veciños”.

Alfonso Villares, pola súa banda, sinalou que “este proceso demostra que somos un partido serio, responsable e que sabe afrontar as renovacións poñendo o proxecto colectivo e o noso concello por riba das persoas e dos cargos”. Así mesmo, avanzou que, “como un afiliado máis e home de Partido, seguirei traballando, coma sempre, para que Cervo siga contando cun Partido Popular forte, unido e á altura do que os nosos veciños merecen”.

O secretario xeral do PP lucense, Javier Vázquez Nodal, agradeceu “a labor de todas as persoas da agrupación local que levan anos realizando un bo traballo no municipio que lles permite obter o apoio dos seus veciños e veciñas” e tamén puxo en valor “o compromiso co noso proxecto político” por parte da nova xestora que encabeza Dolores García. A alcaldesa -unha muller nova, pero con anos de experiencia política- é unha persoa “implicada no día a día do Concello” que está a continuar co proxecto do PP en Cervo “con estilo propio”.

Nodal lembrou que este é un máis dos preto de 50 procesos para a renovación da estrutura do partido que se teñen celebrado nos últimos cinco anos. Neste caso, coincide en período preelectoral, co obxectivo de fortalecer á agrupación local que se atopa “preparada para afrontar con garantías as vindeiras citas electorais e contribuír ao cambio no Goberno de España”.

XESTORA DO PP DE CERVO

Dolores García preside a xestora do PP de Cervo que contará con Alfredo Antonio Fernández como secretario e portavoz. Os vogais nomeados son: Pilar Armada, Adrián Arias, Manuela Méndez, José Manuel Balseiro, David Rodríguez, Alfonso Villares, José Ínsua, Toño Gallego, Alexis Villarquide, Inoa Pardo e Elisabet Peña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios