O artista lanza o seu segundo disco de longa duración cos ecos do éxito do seu primeiro adianto, MILAJROS DE AMIL
Descubre más noticias musicales como ésta
O artista revelación da música galega en 2026, Silee, acaba de publicar o seu novo traballo discográfico de longa duración, Meu onde estás?. Un álbum de 15 cancións que xira arredor da vivenza persoal do propio artista, construíndo unha viaxe dende os comezos da súa carreira musical ata o momento no que ve que se materializan os seus soños. Durante ese percorrido, e ao longo das cancións que compoñen este LP, pódense experimentar os sentimentos que acompañan a Silee nesta andaina, dende ese sentimento de estar perdido e comezar a loitar por acadar as súas metas ata o medo a ir tan rápido e non saber que virá despois, pasando por distintos estados de ánimo que xeran unha sensación de altibaixos que representan o que foi esta última etapa do bueuense.
O tema destacado de Meu onde estás? é Muito medo!, unha cumbia que xira arredor desa fase inicial da carreira de Silee, onde, unha vez atopado o seu propósito e fixado o seu soño, comeza a dar os primeiros pasos cara adiante, afianzando esas ganas de loitar polo que quere. A cumbia é un dos diferentes xéneros que podemos atopar neste disco, xa que é un traballo que se cimenta na mestura deses xéneros que se engloban dentro da música urbana, buscando acompañar a ese sentiemto de atibaixos que marca este novo traballo. A propia cumbia, bachata, trap, reggaetón, funk ou electropop son algúns dos estilos musicais que se poden atopar entre as 15 cancións que conforman o álbum.
Este lanzamento vén acompañado dunha xira de presentación deste novo traballo na que xa hai anunciadas xa as primeiras actuacións fóra de Galicia do artista para 2027, baixo o nome de Meu onde estás? Tour. Este sábado 7 de novembro, o de Bueu presentará na súa vila este novo álbum, cun concerto especial de presentación polo San Martiño. A maiores, as primeiras datas do seu tour levarán ao artista a facer as maletas, con actuacións na sala LAUT de Barcelona o 18 de febreiro e na Sala Maravillas de Madrid o 19 de febreiro.
PRIMEIRAS DATAS XIRA DE PRESENTACIÓN «MEU ONDE ESTÁS? TOUR»
07/11 Concerto de Presentación · Bueu
18/02 Sala LAUT · Barcelona
19/02 Sala Maravillas · Madrid
TRACKLIST
- onde está o ceo?
- gnomos
- Muito medo!
- Na de Juan
- amanecer en Japón (ft Reich)
- orballo
- Bruxa Curuxa
- Tony Hawk
- FODECHINCHOS (ft Cadi)
- 20%
- Milajros de Amil
- Cando o barco se afunde
- Y Si Ya No Puedes Más
- Flor na montaña (ft SLOWMXBEATZ)
- Okoto
MÁIS SOBRE SILEE
O cantante galego Silee é unha das grandes sensacións do momento no panorama musical urbano. Artífice dunha das cancións máis virais do 2026 en galego, Milajros de Amil, o bueuense transita de maneira ecléctica e con naturalidade por xéneros como a bachata ou a cumbia entre outros, mesturando e renovando estes estilos nunha proposta que xa está a revolucionar as redes sociais, conectando con novas xeracións de ouvintes.
A súa frescura musical está a causar sensación dentro dun xénero inmerso nun grande auxe neste ano, emerxendo como unha das figuras máis destacadas do mesmo. Cun forte arraigo á súa terra, o de Bueu busca deixar pegada alonxado das grandes urbes, traballando por volver situar á súa vila e a Galicia no mapa musical actual.
Con xa dous EPs e un álbum publicados dende os seus comezos en 2023, Silee lanza agora un novo disco titulado Meu onde estás?. A súa canción insgnia é Milajros de Amil, tema que foi unha das grandes sensacións da música en galego no comezo de ano, chegando a superar o millón de escoitas en plataformas. A viralidade deste primeiro adianto foi tal que antes de lanzarse nas propias plataformas o tema xa aparecía en centos de vídeos de distintas redes sociais, e dous meses despois do seu lanzamento entrou no Top 18 de cancións máis virais de España na plataforma de streaming Spotify.
O espírito inquedo e a creatividade do artista galego levárono a autoproducir os seus temas, ao igual que os seus videoclips, reafirmando o seu estatus como artista multidisciplinar. Cos focos postos nel tras a grande repercusión acadada neste ano, o artista traballa para elevar o seu proxecto e talento cara novas cotas.