CCOO fai un chamamento a todas as galegas e galegos, especialmente ás traballadoras e aos traballadores, a secundaren masivamente a folga xeral de mañá, mércores, 11 de novembro, e participaren nas mobilizacións convocadas. O sindicato considera imprescindible dar unha resposta colectiva ao deterioro das condicións de vida da maioría social, nun contexto no que ter un emprego e cobrar un salario xa non garante chegar a fin de mes, acceder a unha vivenda digna ou construír un proxecto de vida con seguridade. A folga pretende situar estas necesidades no centro das prioridades políticas e económicas.
A mobilización reclama melloras salariais que permitan recuperar poder adquisitivo e unha repartición máis xusta da riqueza xerada polo traballo. CCOO denuncia que o crecemento económico se está traducindo en grandes beneficios empresariais, mentres os prezos da vivenda, da alimentación, da enerxía e doutros bens e servizos esenciais absorben unha parte cada vez maior dos ingresos das familias. Por iso, esixe medidas para frear a especulación inmobiliaria, garantir o acceso a unha vivenda digna e controlar a escalada dos prezos.
Tamén se esixe desbloqueo da negociación colectiva, a redución da xornada laboral, a erradicación da precariedade e a mellora da saúde das persoas traballadoras. Entre as reformas pendentes, o sindicato sinala a necesidade de implantar un control horario efectivo que poña fin á fraude das horas extraordinarias, actualizar o salario mínimo e evitar que os complementos salariais absorban as súas subas.
CCOO demanda, ademais, uns servizos públicos de sanidade, educación, coidados e transporte suficientes e de calidade, con financiamento e persoal adecuados, fronte aos procesos de deterioración e privatización. As Administracións públicas deben asumir as súas responsabilidades e situar as necesidades da maioría social no centro das súas políticas.
Canle de asesoramento xurídico e sindical
O sindicato lembra que o dereito á folga está recoñecido constitucionalmente e denuncia os intentos de criminalizar o seu exercicio. CCOO fai un chamamento á responsabilidade para que a xornada transcorra de maneira pacífica e unitaria, desde o respecto e sen entrar nas provocacións que poidan producirse, especialmente as que denuncia procedentes de sectores da dereita e da ultradereita.
Para comunicar incidencias, denunciar situacións irregulares ou recibir asesoramento, CCOO creou unha ferramenta estatal, a Canle directa (https://huelga.ccoo.es/canaldirecto). Está operativa desde as 9 horas deste martes e funcionará de xeito ininterrompido tanto hoxe coma o propio día da folga, así como o xoves 12 en horario de 9 a 19:45 horas. Ademais do formulario da ligazón anterior, funcionará unha liña telefónica (900 989 671), un número de Whatsapp (608 391 707) e un correo electrónico (huelga11n@ccoo.es).
Manifestacións convocadas
— A Coruña: ás 12.00 horas, na praza da Palloza.
— Ferrol: ás 11.30 horas, na praza de España.
— Santiago de Compostela: ás 13.00 horas, na Alameda.
— Viveiro: ás 12.00 horas, diante do edificio sindical (rúa García Dóriga).
— Lugo: ás 11.30 horas, diante do edificio sindical (rolda da Muralla).
— Ourense: ás 10.00 horas, diante do edificio sindical (parque de San Lázaro).
— Vilagarcía de Arousa: ás 12.30 horas, na praza de Ravella. Pontevedra: ás 11.00 horas, desde a praza da Peregrina
— Vigo: ás 11.30 horas, na Vía Norte. Esta será a manifestación principal en Galicia.