O taekwondo galego volveu demostrar o seu excelente nivel competitivo lonxe das nosas fronteiras. A expedición galega regresou do Open de Croacia, un prestigioso torneo internacional de categoría G-1 celebrado os días 14 e 15 de novembro en Zagreb, cun magnífico botín de tres medallas na categoría sénior, ás que hai que sumar brillantes metais nas categorías inferiores.
Baixo a convocatoria da Federación Española, os deportistas galegos protagonizaron unha destacada actuación nun campionato que congregou a especialistas de todo o mundo.
Prata con sabor a gran torneo para Alma Pérez e Javier Otero
Na categoría sénior feminina de -53 quilos, Alma Pérez (Costado TKD Boiro) completou unha competición espléndida que a levou directamente á gran final. Tras superar con solvencia á belga Sirine Houllich (2-1), á croata Nika Dodik (2-0) e á polaca Natasza Woskowiak (2-1), a deportista galega impúxose tamén na semifinal á local Dora Radek (2-0). Na final, a turca Sila Irmak Uzuncavdar freou as súas aspiracións de ouro nun reñido combate, certificando unha meritoria medalla de prata.
Pola súa banda, Javier Otero (Natural Sport) acadou tamén o subcampionato na categoría de -54 quilos. O taekwondista galego resolveu con gran solvencia o seu cruce inicial ante o xeorxiano Vitali Geladze (2-0) e superou nun axustado enfrontamento ao francés Haddad Owen (2-1). Na final ante o representante de Guinea, Abdoul Aziz Aboubacar Diawara, Otero loitou ata o último segundo, aínda que unha acción decisiva no tramo final decantou o metal dourado do lado do seu rival.
Bronce de Carla Sesar e exame de altura cara ao Europeo sub-21
A terceira presea sénior chegou da man de Carla Sesar (Natural Sport) na categoría de -57 quilos. Sesar completou un torneo impecable gañando os seus tres primeiros combates en dous asaltos fronte á croata Sara Jambresić, a grega Athanasia Repoulia e a estadounidense Montana Miller.
Na rolda de semifinais cruzouse coa vixente campioa de Europa sub-21, a turca Ruya Diler, nun combate de máxima esixencia que se resolveu en tres intensos asaltos. «Facía tempo que non me vía tan ben», sinalou a deportista visiblemente satisfeita, xa coa mirada posta no vindeiro Campionato de Europa sub-21 que se disputará a mediados de decembro.
A representación sénior estatal completouse coa participación de Helena García —que caeu na primeira rolda— e Adrián Salanova, quen viaxou co equipo pero non puido competir debido a unha pequena lesión no adutor. A presenza institucional galega en Zagreb tamén estivo abalada polo colexiado Adrián Maceiras, convocado como xuíz do torneo.
Canteira de ouro: éxitos en cadete e júnior
O éxito galego en terras croatas non se limitou á categoría absoluta. Os deportistas desplazados cos seus clubs completaron unha actuación memorable nas categorías base:
- Categoría cadete: As deportistas do Natural Sport Ainara Piñeiro (-33 kg) e Leyre de la Iglesia (-37 kg) colgáronse a medalla de prata tras combates de gran nivel técnico.
- Categoría júnior: Destacaron especialmente Amy Ndong (-52 kg), que se alzou coa medalla de ouro, e Thiago Segade, que subiu ao podio para colgarse o bronce, confirmando a excelente saúde e o relevo xeracional do taekwondo galego.