Situaríase a menos de 400 metros do núcleo rural de Couso e a menos de 300 doutra granxa de porcos coa súa correspondente fosa de xurros, o que a fai incompatible coas disposicións da Lei do Solo de Galiza e do Real decreto 637/2021.
ADEGA solicita á D. X. de Calidade Ambiental a paralización e arquivo do proxecto de instalación dunha macrogranxa de 386.400 pitas promovida por “Proteínas y Cereales de Galicia S.L.” na parcela ”As Chairas”, próxima ao núcleo de Couso de Arriba, da parroquia de Trabancas, no concello de Agolada.
As macrogranxas destas dimensións son sempre unha fonte de graves problemas para a veciñanza e para o medio ambiente por varias razóns:
- Polas emisións e cheiros que emite e que son o que primeiro se percibe.
- Polos preocupantes problemas para a saúde pública que sempre provocan, derivados das partículas e aerosois que continuamente desprenden, moi frecuentemente portadores dunha elevada carga vírica e bacteriana.
- Polos riscos de difusión de enfermidades infecto-contaxiosas a través de distintos vectores e que poden transmitirse a outras especies, especialmente aos porcos (como teñen demostrado diferentes estudos da Organización Mundial de Sanidade Animal), e dende estas tamén á especie humana.
- Polo elevado consumo de auga que necesitan (máis de 180.000 litros ao día), polos riscos de contaminación por deposición de partículas de pó e polos lixiviados das dexeccións (galiñaza).
É precisamente por estes riscos para a saúde das persoas e de animais que se empezaron a regular as distancias entre explotacións gandeiras e núcleos de poboación. A Lei do Solo de Galiza (Lei 2/2016) non permite explotacións gandeiras sen terra a menos de 500 metros; e o Real Decreto 637/2021, polo que se establecen as normas básicas para a ordenación das granxas avícolas, establece, ademais, que a distancia a calquera outra instalación que poida supoñer un risco hixiénico sanitario tampouco pode ser inferior a 500 metros, co obxectivo de evitar a difusión de enfermidades infecto-contaxiosas.
No caso desta explotación, a distancia ao núcleo de Couso de Arriba que se declara na documentación presentada pola empresa promotora é de 500,91 m; e a existencia nas proximidades doutras explotacións gandeiras xa nin se considera. Con todo, a realidade é que este núcleo de poboación se atopa a menos de 400 metros desta explotación de pitas. Ademais, a menos de 300 metros existe unha granxa de porcos coa súa correspondente fosa de xurros, que debería de ter entrado dentro das limitacións do citado RD 637/2021.
A pesar desta circunstancia, o Informe de Compatibilidade Urbanística emitido polo concello con data do 24/08/2026 (que non ten máis que dúas liñas) conclúe, sen ter revisado debidamente a documentación presentada pola empresa promotora, que “no existe por parte del Concello, salvo error u omisión, ningún motivo para denegar el proyecto presentado”. Ante a evidente discrepancia entre a realidade e estas conclusións, ADEGA solicitou ao Concello de Agolada a súa revisión, co fin de que, unha vez comprobadas as distancias reais ás que se sitúa a instalación, se recoñeza a incompatibilidade do proxecto coas disposicións da Lei do solo de Galiza e do Real decreto 637/2021.
Desta incompatibilidade ten que resultar directamente a paralización da tramitación do proxecto e o arquivo das actuacións. Así o manda o artigo 15 do Real Decreto 1/2016: “en todo caso, si el informe urbanístico regulado en este artículo fuera NEGATIVO, con independencia del momento en que se haya emitido, pero siempre que se haya recibido en la comunidad autónoma con anterioridad al otorgamiento de la autorización ambiental integrada, el órgano competente para otorgar dicha autorización dictará resolución motivada poniendo fin al procedimiento y archivará las actuaciones”.
Por estes motivos, ADEGA solicita o freo deste proxecto nas súas alegacións perante a Consellaría de Medio Ambiente.