A cidade acollerá desde este mes actividades paralelas vinculadas ás producións seleccionadas nesta edición.
A Coruña volverá ser a capital do audiovisual galego coa celebración da XXV edición dos Premios Mestre Mateo, que culminará coa gala do vindeiro 27 de febreiro en Palexco que foi anunciada a pasada semana pola alcaldesa, Inés Rey, e a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga. Esta mañá celebrouse o acto de presentación desta edición, que contou coa participación do concelleiro de Educación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, en representación da alcaldesa.
Os premios, organizados pola Academia Galega do Audiovisual e que contan coa colaboración do Concello, contarán este ano coa participación de 393 profesionais do sector e de 155 producións candidatas nas diferentes categorías, consolidando unha vez máis os Mestre Mateo como o principal escaparate do audiovisual galego. As votacións da primeira fase abriranse este xoves 19 de novembro e permitirán aos membros da Academia seleccionar as obras e profesionais finalistas, que se darán a coñecer o próximo 23 de decembro.
Entre as candidaturas presentadas nesta edición figuran 30 videoclips, 24 curtametraxes documentais, 21 curtametraxes de ficción, 7 curtametraxes de animación, 9 longametraxes documentais, 4 longametraxes, 6 longametraxes en lingua non galega, 4 series en galego e 3 noutras linguas, ademais de 31 programas de televisión repartidos entre as categorías de información, divulgación, actualidade e entretemento.
Esta XXV edición incorpora ademais importantes modificacións no regulamento para reflectir mellor a diversidade da produción audiovisual galega. Entre elas destaca a diferenciación das categorías de Mellor Longametraxe e Mellor Serie para producións en lingua galega e para obras realizadas noutras linguas, unha medida coa que a Academia pretende reforzar a visibilidade da creación audiovisual na lingua propia de Galicia.
Durante a presentación, Juan Ignacio Borrego destacou a importancia que teñen os premios para o ecosistema audiovisual e para a proxección cultural da cidade. «Os Premios Mestre Mateo son unha das grandes citas culturais do país e unha mostra do excelente momento que vive o audiovisual galego. Para a Coruña é unha satisfacción volver acoller unha gala que recoñece o talento, a innovación e a capacidade creativa dun sector estratéxico para Galicia».
Actividades paralelas
A celebración da gala virá acompañada dunha programación específica de actividades que se desenvolverán nos próximos meses e que permitirán achegar ao público as obras candidatas nesta edición. A primeira delas será unha maratón de proxección das curtametraxes de ficción e animación candidatas, prevista para o 26 de novembro nos Cantones Cines da Coruña.
Posteriormente, o 29 de novembro celebrarase unha sesión dedicada ás curtametraxes documentais en Culturgal, mentres que o 10 de decembro terá lugar un encontro específico arredor das candidaturas da categoría de videoclips, que reunirá ás e aos profesionais responsables das obras seleccionadas.
Todas estas propostas forman parte do programa de actividades para conmemorar os 25 anos dos galardóns e dar visibilidade á diversidade e riqueza da produción audiovisual galega. «A Coruña ten unha fonda vinculación coa creación audiovisual e co cinema. Por iso celebramos especialmente que esta edición dos Mestre Mateo chegue acompañada dunha programación aberta á cidadanía, que permitirá coñecer de preto o traballo dos profesionais e achegar o audiovisual galego a novos públicos», destacou Borrego.
A gala do 27 de febreiro converterá de novo a cidade no punto de encontro do sector audiovisual galego, coincidindo cunha edición especialmente simbólica ao cumprirse o vinte e cinco aniversario dos Premios Mestre Mateo.