Asegurou que vai supoñer “un antes e un despois” na incidencia dunha patoloxía que provoca un millar de hospitalizacións ao ano na comunidade, o 75% entre menores de 12 meses
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia vai comezar a inmunizar este mes de setembro aos bebés contra o virus respiratorio sincitial. Durante unha visita a nova escola infantil da Cidade da Xustiza en Vigo, o titular do Goberno galego resaltou que Galicia será pioneira en protexer aos cativos contra este virus que causa bronquiolite e provoca ata un millar de hospitalizacións ao ano na comunidade. “Isto vai supoñer un antes e un despois na incidencia desta enfermidade en Galicia”, subliñou.
Galicia ten o calendario vacinal infantil máis completo de toda España. De feito, foi a primeira comunidade en adquirir e recibir as doses para levar a cabo a campaña de inmunización contra o virus respiratorio sincitial que agora comezará nos 14 hospitais públicos galegos.
Tal e como explicou o presidente, a partir do 25 de setembro, recibirán inmediatamente a dose correspondente todos os nenos que nazan en Galicia. Ademais comezará a inmunizarse tamén a aqueles rapaces que fosen prematuros (nados desde o 1 de outubro de 2021) e aos menores de dous anos que sexan considerados de alto risco ao padecer certas patoloxías como displasia broncopulmonar ou cardiopatías.
A previsión é inmunizar a todos os cativos que naceran a partir do 1 de abril deste ano. Por iso, entre o 2 e o 15 de outubro vaise citar aos nenos nados a partir dese mes e que non entran no primeiro grupo (prematuros ou de alto risco).
O virus respiratorio sincitial é un dos responsables da bronquiolite en bebés, unha patoloxía que causa preto de 1.000 hospitalizacións cada ano só en Galicia, o 75% en rapaces de menos dun ano. O obxectivo da inmunización é reducir o número de casos da bronquiolite para evitar complicacións de saúde graves nos cativos e ingresos hospitalarios.
A Xunta mantén a gratuidade das escolas infantís
O presidente enmarcou esta iniciativa dentro das medidas implantadas pola Xunta para apoiar ás familias e a conciliación que sitúan a Galicia á vangarda. Nesta liña, resaltou que o Goberno galego segue apostando pola gratuidade das escolas infantís neste curso que comeza. “Por segundo ano consecutivo, Galicia vai ser a única comunidade na que a educación de 0 a 3 anos é gratuíta para todas familias e en todos os centros”, indicou o presidente que recoñeceu que algunhas autonomías xa se interesaron polo modelo implantado na comunidade galega.
A Xunta destina 55 millóns de euros a esta medida da que se beneficiarán 31.000 familias que poderán aforrar máis de 2.000 euros ao ano.
Ademais, o Executivo segue aumentando a rede pública de escolas infantís cun novo centro na Cidade da Xustiza de Vigo, dotado de 41 prazas, e con obras e melloras por valor de 1,3 M€ noutros centros de toda a comunidade.
Outras medidas para garantir a conciliación
Por outra banda, o Goberno autonómico ten en marcha diferentes medidas para apoiar ás familias e facilitar a conciliación. Trátase, entre outras, das Casas niño -centros para o coidado de nenos de 0 a 3 anos no rural-; do Bono Concilia -dotado de 500 euros para axudar ás familias a sufragar os custes dun coidador-; da Tarxeta Benvida que reciben todos os pais cando teñen un fillo -dotada de entre 1.200 e 3.000 euros- ou da maior oferta de prazas de campamentos de verán da historia na comunidade.
Rueda salientou que a Xunta demostra “con feitos” a súa aposta para “afrontar o reto demográfico, axudar aos que queren ter fillo e avanzar sanitariamente”. “Un país que coida dos seus habitantes máis pequenos, que coida do seu futuro, é un país con futuro”, indicou.