O cara a cara celebrado o19-N volveu confirmar unha patoloxía democrática que Galicia coñece de vello: a substitución do debate racional pola postverdade sistemática. Quen observe a Núñez Feijóo dende o rigor da hemeroteca e da técnica xurídica atopará un perfil diametralmente oposto ao mito do administrador eficiente fabricado pola mercadotecnia. Lonxe de encarnar un proxecto político definido, Feijóo representa o triunfo do baleiro ideolóxico e da ausencia de valores referenciais-mesmo até o límite do cinismo político- ao servizo dunha arquitectura de poder que transcende as urnas.
A súa folla de servizos á fronte da Xunta (2009-2022) desmente calquera aura de bo xestor. Os informes de fiscalización do Consello de Contas constitúen a proba abafante. A prometida racionalización do sector público saldouse cun aforro irrisorio de 17 M€ logo de suprimiren 45 entes, mentres a administración paralela acumulaba 558 millóns de débeda fóra do control orzamentario ordinario. No eido sanitario, a elección do modelo concesional para o novo hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo supuxo un sobrecusto de centos de millóns de euros fronte á xestión pública directa. Cando Feijóo deixou a Xunta, en 2022, xa case 250.000 persoas amoreábanse nas listaxes de agarda do Sergas.
Cómpre engadir a este relato a sombra persistente do favoritismo administrativo na súa contorna familiar, cos máis de 37 M€ adxudicados ao grupo Eulen -dirixido na Galicia pola súa irmá Micaela- a medio da contratación directa.
Esta incapacidade xestora corre parella a unha absoluta indinxencia ideolóxica e a unha preocupante falla de sensibilidade social e cultural. Fronte aos alicerces ideolóxicos e programáticos da dereita democrática europea Feijóo non responde a un ideario conservador, reformista nin humanista cristiano senón aos ditados dos poderes económicos extractivos e dese deep state que encadra unha parte moi influente do alto funcionariado administrativo e xudicial que concibe o Estado como patrimonio propio. Velaí porque ten asumido os marcos que fixa Vox, para tentar que non se lle vaian aos extremistas unha manchea de votos. Cumpriría lembrarlle que, mais cedo ca tarde, a xente adoita escoller o orixinal antes ca a copia.
Gobernou Galicia de costas á nosa cultura, ao nosso autogoberno e ao seu financiamento e á nosa lingua propia, recurtando servizos públicos, suprimindo a gratuidade dos libros de texto e, en xeral, amosando unha liña de goberno insensíbel aos valores da cohesión e xustiza sociais e da participación democrática. Foi campión europeo de lle botar a culpa aos outros (nomeadamente ao goberno de coalición BNG-PSdeG entre 2005 e 2009), de lle facer oposición á oposición e de xerar división e polarización entre a cidadania.
Porén, o máis perigoso de Núñez Feijoo para o Estado de Dereito é a súa relación instrumental coa verdade. O respecto ao fact-checking obriga sinalar que a súa estratexia nos debates televisados non consiste no erro accidental, senón nun nidio exercício de falsidade deliberada. No debate deste día volveu afirmar falsamente que o Estado terá de lle devolver 80.000 M€ á Unión Europea por transferencias a fondo perdido dos fondos Next Generation, inventou 1.400 excarceracións derivadas da vixencia da lei do “só é si o si” (desmentidas polos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial) e lle atribuíu ao presidente do Goberno do Estado unha imputación por financiamento irregular, arestora xudicialmente inexistente. É a exacta continuación do método empregado no cara a cara de xullo de 2023, cando mentiu sobre a revalorización das pensións tras votar o PP en contra, falsificou a autoría do pacto contra a violencia de xénero e atribuíu ao Executivo o arquivo da causa Pegasus, debido en realidade á falla de auxilio xudicial de Israel. E da súa táctica nas eleccións nacionais galegas de 2009, falseando datos e feitos a respecto do presidente Touriño (PSdeG) e do vicepresidente Quintana (BNG) e abrindo deste xeito a historia recente das mentiras e das guerras suxas nos procesos electorais.
Quen aspire presidir o Goberno do Estado desprezando a veracidade dos datos públicos e os principios elementais da seguranza xurídica non pode ofrecer estabilidade nin progreso, senón degradación institucional e división social dende o seu-polo de agora hipotético-primeiro día de goberno.