‘A Laracha Conecta’ pecha o seu ciclo de xornadas en Caión cun encontro sobre turismo, ocio e deporte

O Centro Sociocomunitario acollerá o xoves a partir das 18:00 h o evento no que participarán Roberto García, secretario xeral para o Deporte; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación; e Carmen Pita, directora da Axencia de Turismo de Galicia.

O programa ‘A Laracha conecta’ celebrará este xoves, 26 de novembro, a súa terceira e última xornada pública, dedicada nesta ocasión ao turismo, ocio e deporte. O evento terá lugar no Centro Sociocomunitario de Caión a partir das 18:00 horas, e reunirá representantes institucionais e profesionais do sector para compartir experiencias, dar a coñecer iniciativas de referencia e analizar as oportunidades que ofrece o turismo como motor de desenvolvemento económico.

A xornada estará conducida por Nico Clouston e comezará coa benvida institucional a cargo do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela. A continuación intervirán Roberto García, secretario xeral para o Deporte; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; e Carmen Pita, directora da Axencia de Turismo de Galicia.

A presenza dos catro representantes institucionais permitirá achegar diferentes perspectivas sobre o desenvolvemento turístico, as oportunidades do sector e o papel das administracións na promoción e dinamización dos destinos.

A continuación realizarase o espazo dedicado ás experiencias profesionais, no que participarán tres iniciativas vinculadas a diferentes ámbitos da actividade turística.

Sara Torreiro, responsable de marketing de Casa Grande de Xanceda, compartirá a experiencia deste proxecto empresarial ligado ao medio rural e á actividade agroalimentaria.

Miguel Ángel Roig, fundador de Os Biosbardos, achegará a súa visión como impulsor dunha iniciativa vinculada ao turismo e ás experiencias na natureza.

Aida Aguiar, guía turística de Os Cascarilleiros, presentará a súa experiencia profesional no ámbito da interpretación e divulgación turística.

A través destas intervencións preténdese mostrar diferentes modelos de negocio e iniciativas que contribúen a diversificar a oferta turística, poñer en valor os recursos do territorio e xerar novas oportunidades económicas.

O encontro estará aberto a todos os públicos, polo que calquera persoa interesada no turismo, no emprendemento ou no desenvolvemento económico da Laracha poderá asistir libremente ao Centro Sociocomunitario de Caión.

Terceira e última xornada de ‘A Laracha Conecta’

Con esta actividade pecharase o ciclo de tres encontros públicos incluídos en ‘A Laracha Conecta’, despois das xornadas dedicadas ao sector primario -celebrada o 13 de novembro en Paiosaco-, e á industria e aos oficios -que tivo lugar o 18 de novembro na Casa da Cultura da Laracha-.

Este programa municipal lévase a cabo coa finalidade de fortalecer o tecido económico local, favorecer a colaboración entre os distintos sectores produtivos e identificar novas oportunidades de crecemento e creación de emprego.

‘A Laracha Conecta’ está impulsado polo Concello co financiamento da Deputación da Coruña no marco das axudas provinciais destinadas á promoción económica.

Comparte éste artículo
No hay comentarios