Alternativa Enxebre de Arteixo volverá denunciar ante as administracións competentes a situación da explotación porcina situada no lugar da Ermida, na parroquia de Lañas. A formación política tomou esta decisión tras comprobar nos últimos días a persistencia de graves deficiencias nas instalacións e unha importante acumulación de purín no exterior da explotación, unha problemática que os veciños da zona levan anos soportando.
A concelleira de Alternativa Enxebre no Concello de Arteixo, Noelia Martínez Canosa, lembra que a situación non é nova. Xa no ano 2022, xunto con veciños afectados, denunciou publicamente as condicións da granxa. Como consecuencia daquelas accións, o propietario comprometeuse a presentar un proxecto e acometer melloras. Con todo, o problema persistiu e en 2024 volveu trasladarse ao Pleno municipal.
«Levamos anos advertindo desta situación. Denunciámola en 2022, volvemos levala ao Pleno en 2024 e chegamos a 2026 comprobando novamente problemas que nunca deberían terse prolongado durante tanto tempo», sinala Martínez Canosa.
Reunións sen resultados e incumprimento de compromisos
Durante os últimos meses, Alternativa Enxebre mantivo contactos coa veciñanza e co propio titular da granxa para procurar unha solución dialogada antes de recorrer á vía administrativa. Representantes da formación e veciños reuníronse na propia explotación para amosarlle as deficiencias: a situación da balsa de seguridade, a acumulación de puríns, os problemas de limpeza, o deterioración dos cerramentos, tabiques e cuberta, así como os fortes cheiros e a proliferación de insectos.



Aínda que tras esa xuntanza se baleirou e limpou a balsa de seguridade e o propietario prometeu acondicionar o recinto, os últimos controis demostran que os compromisos non se cumpriron.
«Falamos co propietario, reunímonos con el na propia explotación e trasladámoslle persoalmente os problemas que estaban sufrindo os veciños. Demos tempo e intentamos que isto se solucionase mediante o diálogo, pero a situación actual demostra que as actuacións prometidas non se levaron a cab»», afirma a concelleira.
Novas verteduras de purín e deterioro estrutural
Tras recibir vídeos enviados pola veciñanza, membros de Alternativa Enxebre desprazáronse ás inmediacións da granxa para verificar os feche. No lugar observaron unha importante acumulación de purín no exterior, procedente de fugas ou deficiencias da propia explotación, que se estende pola parte posterior.
Así mesmo, constatouse a degradación do formigón, fendas nos cerramentos e zonas afundidas na cuberta, ademais dos cheiros e a praga de insectos denunciada polos residentes.
«Hai purín acumulado no exterior, instalacións moi deterioradas, fendas, problemas na cuberta, fortes cheiros e insectos. Non estamos falando dunha queixa puntual, senón dunha situación que leva anos afectando á calidade de vida da veciñanza», denuncia Martínez Canosa.
Exixencias a Medio Ambiente e Urbanismo
Alternativa Enxebre considera especialmente grave que o problema continúe sen resolverse e pide explicacións directas aos responsables das áreas de Medio Ambiente e Urbanismo do Concello de Arteixo sobre as inspeccións e o seguimento realizados.
«Onde están Medio Ambiente e Urbanismo do Concello de Arteixo? Que inspeccións se fixeron? Non é admisible que pasen os anos e sexan os veciños os que teñan que volver unha e outra vez a denunciar os mesmos problemas«, cuestiona Martínez Canosa, quen aclara que a formación non se opón á actividade gandeira, senón que esixe o cumprimento estrito da normativa ambiental, sanitaria e urbanística.
«Aquí non pedimos ningún trato especial para ninguén. Pedimos que se inspeccione e que se actúe coa mesma esixencia que se lle aplicaría a calquera outro veciño ou empresa de Arteixo.»
Presentación de novas denuncias administrativas
Alternativa Enxebre confirma que presentará denuncias formais ante as administracións competentes, achegando documentación gráfica e solicitando inspeccións oficiais para avaliar as instalacións, determinar a orixe das verteduras e verificar os permisos da explotación.
«Os veciños da Ermida e de Lañas teñen exactamente o mesmo dereito que calquera outra persoa a abrir as ventás e facer vida nas súas casas sen ter que soportar continuamente esta situación. Non imos permitir que isto quede outra vez en catro parches», conclúe Martínez Canosa.