“Avisa cando chegues”, de Ángela Andrada; unha curta sobre a violencia de xénero candidata aos Mestre Mateo

A ópera prima da directora e guionista coruñesa, producida por Brava, aborda a recuperación da autonomía e a reconstrución da vida tras sufrir unha agresión sexual.

A curtametraxe Avisa cando chegues, escrita e dirixida por Ángela Andrada e producida pola compañía galega Brava, suma un novo paso no seu percorrido: a campaña dos Mestre Mateo na que a curta é candidata oficial.

Esta historia narra a noite dunha moza de 20 anos que sae de festa por primeira vez despois de sufrir unha agresión sexual 6 meses atrás. Unha tematica de especial relevancia e actualidade nestas semanas. Parécenos importantísimo falar sobre a violencia machista durante todo o ano, e sendo mañá o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, vemos máis necesario se cabe, sumar altofalantes que poidan invitar á reflexión.

A obra pódese ver de forma gratuíta este xoves nos cines Cantóns de A Coruña, xa que forma parte do maratón dos curtos candidatos aos Premios Mestre Mateo, que organiza a Academia Galega do Audiovisual.

Protagonizada pola actriz galega Marta Costa («Clanes», «La promesa»), Avisa cando chegues, vén de estrearse hai un mes na Coruña no Festival Intersección. A traxectoria continúa co Festival de Jaén contra a Violencia de Xénero e a Mostra Vila de Curtas de Noia (onde gañou o premio a mellor curtametraxe galega).

Esta obra de Ángela Andrada como directora supón a súa estrea na dirección cinematográfica e confirma a chegada dunha nova voz ao panorama audiovisual galego cunha gran traxectoria previa xa consolidada como guionista.

Unha historia sobre recuperar a propia vida

Avisa cando chegues segue a Claudia, unha moza que regresa a Galicia despois de pasar un curso estudando en Madrid. Nunha vila practicamente baleira durante o outono, Claudia enfróntase á primeira noite de festa despois de sufrir unha agresión sexual meses atrás.

Mentres a súa familia e as súas amizades intentan protexela, ás veces desde unha actitude de sobreprotección, Claudia tamén loita cos seus propios medos e inseguridades. Porén, o seu desexo de recuperar a autonomía, retomar a súa vida e volver sentirse ela mesma é máis forte.

A película aborda así as consecuencias dunha agresión sexual desde unha perspectiva íntima e xeracional, poñendo o foco non só no trauma, senón tamén no proceso de recuperación, na liberdade individual e na importancia de acompañar sen limitar.

Ángela Andrada, voz emerxente do audiovisual galego

Coruñesa, graduada en Comunicación e con formación en guión, Ángela Andrada desenvolveu a súa traxectoria en diferentes formatos audiovisuais, incluíndo ficción televisiva, ficción sonora e cine. Tras participar en proxectos como Adeus, Berta, dá agora o paso á dirección cinematográfica con esta primeira curtametraxe.

A produción corre a cargo de Brava, produtora galega que continúa apostando polo desenvolvemento de novas voces e historias con identidade propia.

Coa súa estrea en INTERSECCIÓN e os recoñecementos e seleccións acadados posteriormente, Avisa cando chegues continúa abríndose camiño no circuíto audiovisual e sitúase entre os títulos a seguir na próxima tempada do cinema galego.

A curtametraxe presentou a súa candidatura para a XXV edición dos Premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual, que celebrará a súa gala o 27 de febreiro de 2027 na Coruña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios