Unha investigación da UDC propón un cambio de enfoque na xestión da avespa asiática en Galicia

Os resultados destacan a eficacia das redes antisarabia para evitar danos nas uvas e demostra a inefectividade das campañas xeneralizadas de trampeo con atraentes líquidos, que provocan a captura accidental de numerosos insectos.

A xestión da avespa asiática (Vespa velutina) en Galicia require un cambio de enfoque cando a súa erradicación xa non é unha opción realista. Esta é unha das principais conclusións da investigación desenvolvida por Yaiza R. Lueje, que estuda os impactos desta especie invasora nos ámbitos agrícola e urbano, así como a eficacia de distintas medidas para xestionar a súa presenza.

A tese de doutoramento, titulada “Management and impacts of the yellow-legged hornet (Vespa velutina Lepeletier, 1836) in vineyards and urban environments in a highly invaded area (Galicia, NW Spain)”, foi dirixida polos investigadores da UDC María J. Servia e Jaime Fagúndez.

Os resultados da investigación demostran, no ámbito vitícola, que as mallas antisarabia constitúen unha medida moi eficaz para evitar os danos nas uvas, ao impedir o acceso tanto da avespa asiática como doutros axentes que poden afectar os acios. Ademais, a tese desenvolve unha metodoloxía sinxela, baseada na avaliación visual dos acios, que permite estimar as perdas na colleita. Pola contra, os resultados indican que as campañas xeneralizadas de trampeo con atraentes líquidos non son eficaces para reducir os danos nos viñedos e provocan a captura accidental de numerosos insectos.

A investigación tamén estuda a distribución da especie nos espazos urbanos mediante modelos que permiten analizar a súa relación con diferentes características ambientais, como a cobertura vexetal, a contaminación atmosférica e luminosa e o ruído.

Os resultados mostran que a velutina é capaz de persistir en paisaxes moi antropizadas e que determinados factores ambientais propios das cidades poden estar asociados coa súa distribución. Esta información pode contribuír ao desenvolvemento de ferramentas de predición e á identificación de zonas nas que resulte prioritario reforzar a vixilancia.

Cara a unha xestión máis selectiva e baseada na evidencia científica

En conxunto, a tese pon de manifesto a necesidade de revisar as estratexias de control da avespa asiática en territorios densamente invadidos, como Galicia, nos que a erradicación da especie xa non resulta un obxectivo realista.

Neste escenario, o traballo defende a importancia de priorizar a protección dos recursos vulnerables e a redución dos impactos ambientais fronte ao emprego xeneralizado de métodos de control pouco selectivos. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios