Antonio Ameijide lamenta que, un ano máis, o goberno provincial deixou pasar os mellores meses para realizar os traballos de mantemento das instalacións deportivas, expoñendo, neste caso, a multas económicas aos clubs que empregan o Pazo dos Deportes para os seus encontros oficiais
Cada ano por estas datas, coas diferentes competicións, ben sexan profesionais ou de formación, a piques de comezar, os problemas coas instalacións deportivas dependentes da Deputación Provincial cobran maior relevancia.
E este ano non é unha excepción. O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, denuncia o mal estado de mantemento no que se atopa o Pazo Provincial dos Deportes, unha instalación que “cómpre recordar construíu un goberno do Partido Popular cun orzamento menor ao que manexan hoxe en día PSOE e BNG, que seguen amosándose incapaces de manter as instalacións en bo estado de conservación”.
A día de hoxe o Pazo dos Deportes precisa de diferentes intervencións para solucionar os problemas coas goteiras, de climatización, o mal estado do aparcadoiro e incluso para instalar as cadeiras que se precisan no pavillón xa que “cómpre recordar que por cada encontro da ACB que o Breogán dispute sen ter esas cadeiras colocadas, o club terá que pagar unha multa por parte da competición sen ter culpa algunha xa que o mantemento da instalación corresponde unicamente á Deputación de Lugo, polo que o responsable provincial de Deportes, Efrén Castro, e o presidente da Deputación, José Tomé, deberían de dar explicacións públicas sobre estes problemas sen solucionar”.
O contrato de subministración, instalación e montaxe de asentos individuais con respaldo pregable para as bancadas supletorias do Pazo Provincial dos Deportes asinouse o 30 de agosto deste ano, tendo un prazo de execución de tres meses, a contar desde a sinatura da acta de inicio dos traballos (8 semanas subministración e 4 semanas para a instalación).
Durante estes tres meses, o Breogán xogará un total de 6 encontros como local (ata a xornada 11):
- 24 de setembro: Baskonia
- 1 de outubro: Baxi Manresa
- 15 de outubro: Valencia Básquet
- 5 de novembro: Barça
- 11 de novembro: Joventut
- 26 de novembro: Casademont Zaragoza
“Vemos como, no mellor dos casos, as cadeiras estarán instaladas a finais de novembro, polo que o club exponse a recibir 6 multas por parte da ACB xa que nin José Tomé nin Efrén Castro cumpriron coas súas obrigas dentro dos prazos esixibles e deixaron todo para o último momento”, denunciou.
Antonio Ameijide denuncia que nin José Tomé nin Efrén Castro poden alegar descoñecemento na materia xa que na memoria xustificativa de licitación (con data 20/03/2023) exponse literalmente:
- No mes de decembro do 2022, recíbense neste Servizo de Arquitectura varios emails do club baloncesto Breogán, polo que nos da traslado de senllos informes da Asociación de Clubs de Baloncesto (ACB) nos cales matizan unha serie de deficiencias observadas nas instalacións do Pazo Universitario dos Deportes. Atendendo ás peticións dos clubs de baloncesto que disputan no Pazo as competicións deportivas nas que están inscritos, e dun dos informes da ACB, que literalmente di:
«GRADAS SIN ASIENTOS: Hay varias zonas de las gradas, tanto en los fondos como en los laterales, que no disponen de asientos separados. En las mismas el público se sienta en los bancos de madera de las gradas retráctiles, incumpliendo el artículo 54.2 de las Normas de Competición:
Artículo 54. 2. La instalación de juego deberá disponer de un aforo mínimo de 5.000 espectadores sentados en asientos separados y debidamente numerados».
Ante esta situación, Antonio Ameijide anuncia que se realizarán preguntas no vindeiro pleno para coñecer os motivos destes atrasos “que semellan inxustificados” e que poden repercutir negativamente na economía do Breogán e doutros clubs que tamén empregan esta instalación para disputar os seus encontros oficiais.
Sen rematar obras anexos
Outro exemplo da desidia e desinterese do goberno provincial polo deporte lucense é a situación dos anexos do Pazo. Son xa varios os anos con problemas de condensación e goteiras, entre outros, que poñen en risco a seguridade dos usuarios das mesmas, principalmente nenos e nenas, o que “obrigou en numerosas ocasións aos pais e nais a solucionar in situ os problemas para salvagardar a seguridade dos seus fillos, como xa se viu en numerosas ocasións cando secaron eles mesmos o chan para evitar caídas”.
A día de hoxe, os anexos do Pazo están pechados (dende o 16 de xullo) e o chan segue sen instalar. “O que vemos é que deixaron pasar a mellor época para realizar estes traballos e agora queren convocar aos clubs para explicarlles a situación, aínda que seguramente sexa para poñer escusas para tapar as súas vergoñas por non ter realizados aínda as obras”, denunciou.
Nestas instalacións accesorias segue sen haber vestiarios e tampouco se fai nada por permitir o uso dos que hai no Pazo dos Deportes habilitando para iso unha cuberta entre ambas instalacións para que os usuarios poidan acceder dunha a outra sen mollarse durante os días de chuvia.
Unha situación que se noutras instalacións, como se denunciou hai poucos días dende este mesmo Grupo, como ocorre na escola de piragüismo, unhas dependencias que están nun nefasto estado de conservación, como se ve nada máis chegar nos desconchóns da pintura exterior e no interior as humidades afectan aos vestiarios e, especialmente, a un deles que actualmente está pechado porque é insalubre, o pantalán do río retirouse hai anos pola perda de permiso e non se fixo nada para a súa reposición, e a estrutura de acceso de formigón está socavada polas crecidas do río.