As Xuventudes Socialistas de Galicia piden a dimisión do Presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, e do Presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, pola polémica do bico sen consentimento á xogadora da selección feminina, Jennifer Hermoso.
Jimena Sierra, a responsable de deporte na Executiva Nacional das XSG, cualificou o comportamento de Luis Rubiales de “noxento, intolerable e profundamente machista”. “É unha vergoña que unha persoa dunha responsabilidade de tan alto nivel, sendo observada por millóns de persoas e xusto ao carón da Raíña, apañe os seus xenitais e bique na boca a unha xogadora sen existir consentimento”, denuncia a Secretaria de Deporte.
As Xuventudes Socialistas de Galicia non só poñen no foco as accións de Luis Rubiales na celebración da final do mundial, senón que insisten en que o seu comportamento posterior corresponde a un “déspota machista sen escrúpulos”. “Durante o voo, aproveitou a súa posición de poder para presionar á xogadora; logo, a Federación emitiu un comunicado cunhas declaracións que ela nunca fixo; e por último, este venres, na Asemblea Extraordinaria, realizou unha intervención profundamente misóxina, responsabilizando a Jennifer Hermoso”, insisten.
Jimena Sierra denuncia igualmente a “xustificación do machismo” de Luis Rubiales e implica tamén a Rafael Louzán, quen, este xoves, se refiría aos actos do Presidente da RFEF como ‘errores que se cometen en la vida’. “Non podemos tolerar que se xustifiquen este tipo de actitudes”, reclama.
As XSG subliñan tamén a situación de irregularidade na que se atopa o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, condenado por corrupción e inhabilitado para o exercicio de cargos públicos. “Rafael Louzán non pode continuar un minuto máis como Presidente da Federación Galega de Fútbol por dignidade institucional e por respecto ás mulleres”, aseguran. “Unha persoa inhabilitada por prevaricación non debería presidir nin a súa comunidade de veciños e, en cambio, é o encargado de xestionar case medio millón de euros”, insisten.
Por outra banda, sinalan a Alberto Núñez Feijóo e a Alfonso Rueda, excompañeiros de partido de Louzán, para que pidan abertamente a súa dimisión, como xa facía Cuca Gamarra con Luis Rubiales esta semana. Ademais, piden ao Goberno de España que, ademais de tomar accións contra Luis Rubiales, tamén as tome contra o Presidente da federación galega.
A Secretaria de Deporte das XSG mostra a tristeza da organización porque estes sucesos enlamaran a histórica xesta da selección feminina, á que trasladan todo o seu apoio e os seus parabéns. “O mellor que se pode facer por conmemorar a súa vitoria é facer que estas persoas non continúen ao fronte dos seus cargos”, explica. “Cómpre actuarmos conxuntamente como sociedade; non existen os erros, os desleixos ou os ‘divorcios duros’, é machismo puro e duro”, conclúe.
Foto RFGF- Rafael Louzán entregando la medalla de oro de la RFGF a Luis Rubiales