O Partido Popular informa de que o novo tripartito formado por BNG, Alternativa por Arzúa e PsdG-PSOE custaralle aos arzuáns e arzuás 134.000 euros ao ano, o custo máis elevado da historia democrática do municipio
O Partido Popular informa de que o novo tripartito formado por BNG, Alternativa por Arzúa e PSdeG-PSOE custaralle aos arzuáns e arzuás 134.000 euros ao ano, o custo máis elevado da historia democrática do municipio.
A sesión plenaria celebrada no día de onte en Arzúa deu luz verde á aprobación do goberno máis caro da historia do municipio. O tripartito formado polo BNG, Alternativa por Arzúa e PSdeG-PSOE custaralle a todos os arzuáns e arzuás un total de 134.000 euros anuais, que se repartirán en dedicacións para o exalcalde, José Luis García; o concelleiro do BNG, Daniel Moscoso; a socialista Begoña Balado e o novo persoal de confianza nomeado polo alcalde, Xoán Xesús Carril.
O Partido Popular denuncia a gran farsa deste novo goberno que, cos salarios aprobados no día de onte, non deixa lugar a dúbidas da mesma. O acordo deste tripartito é a maior mostra de que, por encima de todas as desavinzas e moi lonxe de facer primar o interese xeral e social, nada une máis a Xoán Xesús Carril e José Luis García que o apego ao poder e o diñeiro.
A dedicación mellor dotada será a que perciba, precisamente, o exalcalde, José Luis García, que cobrará 40.200 euros ao ano, pouco menos do que cobraba como alcalde, para facerse cargo das áreas de Cultura e Benestar Social. Na súa intervención plenaria, o voceiro do Partido Popular, Rafael Rivadulla, quixo facer público “o gran engano deste novo goberno, dun exalcalde, José Luis García, que foi capaz de entregarlle catro anos de alcaldía a quen dicía era o seu maior inimigo, Xoán Xesús Carril, para quedarse cun soldo de luxo para el mesmo”.
Explicou Rivadulla que a partir de agora o exalcalde “cobrará máis de 2.000 euros mensuais que lle pagaremos todos, para desenvolver o mesmo traballo que nas dúas últimas lexislaturas fixo a súa compañeira, Aurora Varela, a custo cero”.
Rivadulla fixo valer na súa intervención unhas palabras pronunciadas por José Luis García no ano 2019, cando naquel pleno de organización dicía que tiña a conciencia tranquila porque, dado o seu historial, podíaselle acusar de moitas cousas menos de interese polos cartos.
Hoxe queda demostrada a gran mentira do exalcalde e agora non queda dúbida que o único que o move é precisamente un interese económico. Só así se entende que cobre o salario máis alto percibido nunca por un concelleiro na historia democrática do noso pobo. José Luis García cobrará case o mesmo que percibía cando na súa condición de rexedor asumía todas as responsabilidades de xestión do concello. Agora, sen embargo, só se fará cargo das áreas máis cómodas e con menos traballo. Un avultado salario ao que lle puxo un prezo: a valentía de situar na alcaldía a quen nos fixo crer era o seu maior inimigo e a gran traizón á súa persoa de confianza dos últimos doce anos.
A segunda dedicación exclusiva, aprobada na sesión plenaria do día de onte, neste caso para un concelleiro do BNG, está dotada con 36.303 euros, neste caso 4.000 euros menos anuais ca do exalcalde, e terá que facerse cargo das áreas de Xuventude e Infancia, Medio Ambiente e Benestar Animal, Participación Veciñal e Transparencia, Facenda e Contratación, Igualdade, Normalización Lingüística e Patrimonio.
A dedicación parcial á que deu luz verde o novo tripartito será a que perciba a concelleira socialista, Begoña Balado, que cobrará 26.341 euros ( 2.400 euros máis que na pasada lexislatura) para asumir a área de Turismo, Promoción Económica e Acción Urbana. Unha dedicación para unha persoa que nos pasados comicios consideraba que se o seu partido non se facía con dúas actas de concelleiros, por honestidade, tería que dimitir.
Agora sabemos con exactitude o porqué da nefasta xestión do goberno de Alternativa por Arzúa durante máis dunha década. Culpouse á pandemia, á guerra ucraína, á suposta parálise producida trala chegada dunha temida secretaria e interventora municipal, entre outras causas.
Mais hoxe sabemos que todo eran escusas. Desculpas nas que José Luis García agochaba a falta de ganas de traballar e a súa incapacidade para tratar de xustificar a nulidade do seu goberno, o máis daniño que soportou Arzúa durante tantos anos, condenando aos seus veciños e veciñas a unha parálise absoluta, a unha falta total de compromiso e loita para procurar investimento, emprego, prosperidade ou futuro para o noso pobo. Iso que en tantas notas de prensa e boletíns denunciou o BNG, do que hoxe vai da man.