O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, interviu hoxe no acto do Día Nacional de Galicia que os socialistas desenvolven en Rianxo, onde fixo un chamamento protexer a autonomía galega das forzas reaccionarias que foron derrotadas o pasado domingo nas urnas e que ameazan coa “involución e o retroceso” nos dereitos e nas liberdades acadadas nos últimos anos.
Formoso, acompañado do portavoz municipal dos socialistas rianxeiros, Óscar Rial, depositou a tradicional ofrenda floral diante do busto de Castelao do Paseo da Ribeira, en Rianxo, antes de pronunciar un discurso no que referendou o compromiso do PSdeG “co progreso e o benestar da nosa terra, e cunha lingua milenaria que temos que protexer e preservar” para transmitila activamente ás vindeiras xeracións.