A Xunta directiva do Colexio Provincial de Enfermaría da Coruña amosa o seu apoio ás reivindicacións do colectivo enfermeiro A por todas, formado por traballadoras do Sergas que se mobilizan este martes na procura de melloras nas condicións laborais.
As demandas do colectivo son:
- Mellora das ratios enfermeira-doente.
- Mellora da contratación, a estabilidade e a transparencia.
- Recuperación do 100 % da paga extra.
- Recuperación dos 3 LDs.
- Recoñecemento do solape de xornada.
- Retribución do plus de festivo os sábados (M-T).
- Retribución xusta e igualitaria das horas fóra de xornada ordinaria.
- Encadre da carreira profesional, incluíndo a experiencia laboral da UE.
- Exención de noites voluntarias a partir dos 55 anos, sen perda retributiva nin aumento da xornada ordinaria.
- Xubilación anticipada aos 60 anos.
O Colexio de Enfermaría fai súas estas demandas e ademais destaca outras tres polas que esta organización colexial leva traballando desde hai anos. Estas reivindicacións coñécenas tanto o Sergas como o Ministerio de Sanidade. O pasado 22 de xuño de 2023, o Consejo General de Enfermería, coa presenza da presidenta do Colexio da Coruña Inés López Carral, trasladoulle ao ministro José Miñones as seguintes esixencias:
-Recoñecemento do grupo A dentro da clasificación profesional da administración pública. O Goberno debe poñer en marcha de forma inmediata os cambios normativos que poñan fin a unha inxusta, lesiva e denigrante situación. As enfermeiras deben estar incluidas nun único Grupo A, sen subgrupos.
-Integración profesional das enfermeiras especialistas nas correspondentes categorías.
-Facilitar o acceso das enfermeiras aos cargos de xestión e responsabilidade.
Este martes, o colectivo A por todas realizará concentracións na Coruña (na rotonda do HUAC a partir das 13,00 horas), en Santiago (na entrada do hospital Clínico ás 13,00 horas), ademais de Lugo, Monforte de Lemos e Pontevedra.