A vicesecretaria xeral de UGT denuncia que só o 40% das empresas teñen rexistrados plans de igualdade e que a implantación de medidas preventivas e protocolos contra o acoso no eido laboral é excesivamente baixa
Hoxe tivo lugar en Santiago o acto de constitución da Área da Muller de UGT-Galicia e foi nomeada como coordinadora da mesma Paula Alves da Silva. O resto do equipo estará conformado por Ana Carricoba, Mónica Suárez, Rocío Huelga, Isabel Pérez e Paula Alonso. Dáse así cumprimento ao mandato do 43 Congreso de UGT no que se instaba aos organismos do Sindicato a constituír estas áreas co obxecto de loitar pola igualdade real e efectiva entre homes e mulleres en todos os eidos da vida e tamén no ámbito laboral, porque é de xustiza promover o traballo decente para todos e todas.
Así, UGT-Galicia agarda que esta Área se converta nun órgano de referencia en materia de igualdade para os afiliados e afiliadas do Sindicato, delegados e delegadas e para a sociedade no seu conxunto. Nun punto de encontro no que debater, analizar, crear liñas de traballo e facer achegas en todo o relativo á situación da muller no eido laboral e social.
Antes do acto de constitución, que tivo lugar na sede de UGT-Galicia en Santiago, a vicesecretaria xeral de UGT confederal, Cristina Antoñanzas, e a secretaria de Igualdade de UGT-Galicia, Trinidad Campos, ofreceron unha rolda de prensa.
Neste acto informativo, Cristina Antoñanzas saudou a iniciativa de UGT-Galicia á hora de constituír esta Área e a cualificou como un paso importante, en termos xerais, porque hai que traballar a prol da igualdade real porque as mulleres seguen a soportar a desigualdade no seu día a día e no ámbito laboral soportan taxas de discriminación inaceptables, peores salarios, máis precariedade, máis trabas para acceder a un posto de dirección, por non falar dos casos de acoso que se rexistran.
Lembrou que UGT xa contaba, dende hai 40 anos, cos departamentos da muller e a igualdade sempre foi unha materia transversal en todos os eidos de negociación e acción sindical, non obstante, no 43º Congreso, o Sindicato decidiu a creación das áreas como un punto de traballo máis participativo, máis aberto e non tan institucionalizado.
No encontro cos medios, Antoñanzas falou sobre acoso sexual no traballo e lembrou que xa no 2017 UGT no seu Comité confederal pechou un protocolo de actuación contra o acoso sexual para trasladar e negociar nas empresas. Fixo fincapé en que é obrigatorio que todas as empresas, independentemente do seu tamaño, conten con medidas que fixen como actuar cando se produce un caso de acoso pero, denunciou, isto non está a suceder. UGT vai seguir traballando incesantemente para que esta eiva se solucione e dar así unha maior cobertura ás posibles denuncias.
Explicou que, precisamente, a ausencia destas medidas ou protocolos provoca unha dobre vitimización. Ante unha denuncia, en moitos dos casos á afectada se lle cambia de posto ou, incluso, se lle invita a ir para casa uns días “á espera de que se calmen as cousas”. Evidentemente, este non é o xeito de actuar. Un protocolo debe establecer que o primeiro, sempre, é protexer á vítima, á marxe de calquera outra consideración.
Detallou que, segundo o informe da Inspección de Traballo do ano 2021, en España rexistráronse tan só 642 actuacións por acoso que derivaron en 37 actas de infracción. Para UGT, isto é só a punta do iceberg porque ata o de agora estas situacións eran fenómenos habituais, excesivamente normalizados pero invisibilizados.
Insistiu en que hai que traballar pola elaboración e implantación de protocolos en todas as empresas.
Trinidad Campos explicou que en Galicia no 2021 o número de actuacións foi de preto de 40, unha cifra que hai que contextualizar nas 642 que se producen en todo o Estado e no mercado laboral da Comunidade.
Antoñanzas insistiu en que todas as empresas están obrigadas a establecer medidas ou protocolos para actuar fronte ao acoso e que as que teñen máis de 50 traballadores e traballadoras teñen que dispoñer de plans de igualdade que, necesariamente, deben conter estes protocolos. Pero o problema é que no conxunto do Estado, do total das empresas que están obrigadas a elo, tan só o 40% contan con estes plans de igualdade.
A vicesecretaria xeral de UGT tamén sinalou que o feito de que en España as pequenas e medianas empresas sexan o que domina constitúe un hándicap que fai máis difícil a denuncia para a vítima, o que ás veces a leva a desistir, incluso, a abandonar o posto de traballo.
Para dar máis cobertura a esta problemática, UGT tamén está a traballar para introducir nos convenios colectivos medidas de protección e actuación.
Cristina Antoñanzas e Trinidad Campos tamén analizaron os permisos para a conciliación que acaban de entrar en vigor. Ao respecto, amosaron o desacordo do Sindicato co permiso de 8 semanas por non ser retribuído, o que, de seguro, vai conducir a que a maioría das que o soliciten sexan mulleres, incidindo así nas brechas xa denunciadas. En relación ao resto de permisos, dende UGT demándase unha definición máis precisa porque a ambigüidade nalgúns termos están levando a que moitas empresas lle poñan trabas ás persoas que os solicitan. No que si incidiron ambas é en que se trata de permisos destinados tanto a homes como a mulleres, polo que chegou o momento de aplicar a corresponsabilidade e que non sexan sempre as mulleres as que solicitan este tipo de permisos.