Mañá abre o prazo para participar no concurso fotográfico que servirá para seleccionar as imaxes do Calendario Municipal 2024

por Redacción A Coruña

Os gañadores e gañadoras recibirán como premio un libro de fotografía e un ano de acceso gratuíto á rede de museos municipais da Coruña, para dúas persoas

O Concello da Coruña abrirá este xoves 28 de setembro o prazo para participar no concurso fotográfico a través do que se seleccionarán as imaxes que se publicarán na vindeira edición do Calendario Municipal, unha publicación editada polo Concello desde hai máis de medio século.

A través desde certame búscase implicar ás coruñesas, coruñeses e ás persoas que visitan a cidade na posta en valor do patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico do municipio, un dos principais requisitos esixidos á hora de participar no concurso de fotografía. As bases poden consultarse a través desta ligazón.

O calendario consta de 24 fotografías, 12 delas antigas e outras 12, actuais, en cor, ademais dunha fotografía na primeira páxina. A este respecto, o concurso servirá para seleccionar as 12 fotografías actuais, en cor, do Calendario Municipal para o ano 2024 e, se así o decide o xurado, da primeira páxina.

O prazo de participación, aberto desde mañá e ata o 16 de outubro

Cada persoa que desexe participar no concurso previo á elección das imaxes do Calendario Municipal 2024 poderá enviar tres imaxes.

As fotografías deberán remitirse como arquivo adxunto dun correo electrónico, ou ben por WeTransfer, ao enderezo de correo electrónico concursofotografico@coruna.gal. No asunto do correo electrónico deberá constar ‘Concurso Calendario Municipal 2024’.

O prazo de presentación das fotografías abrirase este xoves 28 de setembro e rematará o luns 16 de outubro, ambas as datas incluídas.

O xurado, composto por sete persoas

Nesta edición do Calendario Municipal, o xurado que determinará as imaxes incluídas na publicación estará composto por sete persoas, escollidas entre o Colectivo de Fotoxornalistas Coruñeses e a Corporación municipal.

Todas e todos eles serán os encargados de seleccionar 12 fotografías de 12 participantes diferentes. E, se así se xustifica por razóns de calidade, unha fotografía para a primeira páxina do calendario. Ademais, seleccionaranse, por rigorosa orde de puntuación, outros seis traballos que se integrarán na denominada “listaxe de reserva”.

De cara á selección das imaxes gañadoras, terase en conta a representatividade do patrimonio cultural da fotografía, a calidade técnica e a orixinalidade da imaxe.

Os premios para as persoas gañadoras do certame

Os 12 ou 13 gañadores e gañadoras recibirán como premio un libro de fotografía e un ano de acceso gratuíto á rede de museos municipais da Coruña, para dúas persoas. Ademais cada unha das persoas gañadoras recibirá dez exemplares do Calendario Municipal 2024.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario