José Manuel López Varela, e a concelleira de Deportes, Patricia Bello, realizaron unha visita a piscina municipal da Laracha

por Redacción A Coruña

A visita foi para comprobar in situ o resultado das primeiras actuacións realizadas na execución do proxecto de renovación das instalacións que comezou recentemente.

O Concello inviste 134.000 euros nestas obras, que contemplan varias intervencións diferenciadas e complementarias entre si coa finalidade de mellorar os equipamentos, facelos máis atractivos e eficientes, e ofrecer un maior confort aos usuarios e novas oportunidades para a práctica de actividade física.

Nesta fase inicial a intervención localízase na parte exterior, onde se realizará unha nova impermeabilización da cuberta e a completa renovación das fachadas.

Na zona do vaso da piscina levaranse a cabo posteriormente intervencións na praia que pretenden reducir os desbordamentos que se rexistran especialmente nos momentos de maior uso da instalación. Isto suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética.

Ademais, no ximnasio contémplase a renovación do pavimento coa instalación de dous tipos de superficies adaptadas ás diferentes necesidades que presentan as salas de máquinas e as de actividades, e realizaranse as intervencións oportunas para mellorar a climatización na sala de spinning.

Este proxecto complementarase coa completa substitución das máquinas do ximnasio. Invístense outros 47.000 euros na adquisición de catro máquinas cardiovasculares (dúas cintas de correr e dúas de suspensión elíptica), dezaseis de musculación e equipamento de peso libre.

Ambas actuacións son cofinanciadas entre o Concello e a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario