Os Premios Ari(t)mar Galiza e Portugal premian a Fillas de Cassandra e Retimbrar e os poemas de Arancha Nogueira e María Isabel Fidalgo

As artistas actuarán na Gala dos premios, que terá lugar o martes, 10 de outubro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela

Os Premios Ari(t)mar Galiza e Portugal, que teñen como obxectivo achegar a cultura e a língua común dos dous países, presentáronse este martes no Centro Internacional de Prensa de Galicia, en Santiago de Compostela.

Nunha gala que terá lugar o vindeiro martes, 10 de outubro no Auditorio de Galicia, participarán as artistas e poetas gañadoras do certame, elexidas polo público, nesta octava edición, a partir da obra publicada en Galiza e Portugal no pasado 2022.

A través dunha votación popular, as elixidas como músicas gañadoras foron II Lisístrata, a coñecida como «Varre Vasoira», de As Fillas de Cassandra, e «Maçazinha» do grupo portugués Retimbrar cos que colaborou a cantante galega Uxía.

No apartado de poemas, as poesías gañadoras foron «Mamá fala linguaxes de documentos predeterminados» de Arancha Nogueira, e «Se de repente perto fosse um verbo», da poeta portuguesa María Isabel Fidalgo. Tamén se entregará un premio especial á promoción da amizade galego-lusófona, que recaeu na Associação Jose Afonso, difusora desde hai máis de tres décadas dos valores deste artista con tanta relación con Galiza.

A Gala dos Prmios da música e da poesía galego-portuguesas está organizada pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, e este martes presentouse en Santiago de Compostela. «Este proxecto sorprende pola calidade e polo nivel das propostas e pola transcendencia no ámbito da lusofonía», manifestou Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Pola súa parte, Miriam Louzao, Concelleira de Capital Cultural do Concello de Santiago, salientou «o carácter popular do evento e como a cidananía de Compostela toma a gala como propia», ademáis de suliñar o carácter de descubrir novas propostas «marcadas polo feminismo, o amor e o espíritu de renovar». Na presentación tamén participou Xosé Lago, Subdirector de Agrupamento de Cooperación Transfronteiriza Galiza – Norte de Portugal, que salientou «o valor da cultura como base da cooperación entre territorios».

Como explicou o director de Ari (t)mar Gonzalo Constenla, «a participación segue a medrar cada ano e este ano bateu o récord de participación popular». Este ano foron máis de 6.000 persoas as que votaron en cadansúa modalidade, de música e poesía, participando e coñecendo propostas recentes de ambos lados do Miño.

O público que queira asistir á Gala na que os premiados recollerán o galardón e actuarán, o vindeiro martes 10 de outubro ás 20,30 horas, poderá facelo libremente, ata completar a capacidade do Auditorio de Galicia.

A Gala Ari(t)mar está organizada pola Escola Oficial de Idiomas, e conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Agrupamento de Cooperación Transfronteiriza Galiza – Norte de Portugal, Deputación de A Coruña e Instituto Camões.

Comparte éste artículo
No hay comentarios