O PSOE de Pontevedra avalará a segunda modificación de crédito do mandato ao incluír varios dos proxectos impulsados por Iván Puentes

por Redacción Pontevedra

Os socialistas tamén condicionaron o seu apoio á proposta do Goberno Local á execución do plan para mellorar iluminación do Campo da Torre e incorporar o vial anexo á Praza de Touros e da obra para dotar dunha malla protectora a ponte da autoestrada AP-9 ao seu paso polo barrio de Mollavao

«Tal e como anunciamos, o noso labor de oposición será sempre construtivo e estará destinado á defensa dos intereses e á mellora da calidade de vida dos cidadáns de Pontevedra, colaborando en todo o que poidamos no óptimo funcionamento da Administración municipal e axudando a executar aqueles proxectos que consideramos fundamentais, moitos dos cales levamos no noso programa electoral. Por iso, tras negociar co BNG a inclusión de diversos investimentos e proxectos que impulsamos no anterior mandato, os socialistas imos avalar tamén a segunda modificación de crédito do mandato». Deste xeito, anuncia o portavoz do Grupo Municipal do PSOE, Iván Puentes, o respaldo á nova modificación do Concello capitalino, na que se contemplan varias achegas destinadas a iniciativas que o propio Puentes impulsou como concelleiro de Desenvolvemento Sostible, así como outras partidas «que teñen un indiscutible interese xeral» e que os socialistas negociaron co Goberno Local.

Entre estes proxectos que condicionaron o voto favorable do PSOE destacan a reforma integral da Praza de Pasarón, entre as rúas Luis Otero e Leonardo Enríquez, cunha contía de 399.985,04 euros; a mellora e apertura ao público dos xardíns do centro asociado da Uned en Monte Porreiro, cun orzamento de 151.193,41 euros, e unha subvención ao Pontevedra CF para a substitución do céspede do campo de fútbol de Pasarón, valorada en 75.000 euros. Asemade, Iván Puentes tamén logrou o compromiso do concelleiro de Facenda, Raimundo González Carballo, para que se executen dúas actuacións «que non aparecen expresamente na modificación de crédito, por tratarse de contratos menores, e que polo tanto se poden executar directamente: en concreto, a mellora da iluminacion do novo espazo de lecer do Campo da Torre e a incorporación ao mesmo do vial anexo á Praza de Touros (cun investimento global de 35.00 euros), e a instalación dunha malla protectora na ponte da autoestrada AP-9 ao seu paso por Mollavao (estimada en 65.000 euros). 

Así mesmo, Puentes considera que «hai outras cuestións esenciais que deben impulsarse de xeito prioritario e que esta modificación de crédito contempla, as máis relevantes a partida de 1.160.752,95 euros para o convenio coa Xunta de Galicia que fará posible a acometida eléctrica do Gran Montecelo e o millón de euros para o novo parque urbano da Parda, pero tamén as destinadas á renovación de papeleiras e bancos (por 558.120 e 241.880 euros, respectivamente) e á expropiación e adquisición de parcelas (558.000 euros). «Falamos dun conxunto de contratos, proxectos e obras que suman arredor de 4,2 millóns de euros e que terán unha importante repercusión na calidade de vida dos pontevedreses e pontevedresas», sostén o portavoz do PSOE.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario