A alcaldesa participou hoxe no acto de apertura do CSA, unha nova instalación que será a sede de empresas e laboratorios de I+D no eido da intelixencia artificial
A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe no acto de inauguración do novo Centro de Servizos Avanzados (CSA), unha instalación promovida pola Universidade da Coruña (UDC) e o Clúster TIC Galicia co apoio do Concello, e que supón a posta en marcha oficial da Cidade das TIC, que irá sumando novas aperturas e iniciativas en materia de innovación tecnolóxica nos vindeiros meses, como un plató virtual.
Tal e como subliñou Rey, «a creación do CSA supón moito máis que un acto institucional, porque o que se desenvolve na Cidade das TIC é a concreción dun soño de cidade, dun desexo de país, que abre un espazo de futuro para A Coruña e Galicia». Neste sentido, o Centro de Servizos Avanzados, que será a sede de empresas e laboratorios de I+D no eido da intelixencia artificial, abre as súas portas co obxectivo de ofrecer solucións a grande escala en termos de transformación dixital.
O Centro de Servizos Avanzados está localizado nunha nave da Fábrica de Armas que, anteriormente, albergaba un almacén, rehabilitado para servir a este novo propósito. As obras para a súa reforma comezaron en maio do ano pasado, o que supuxo o inicio da reconversión a TIC do antigo complexo de Pedralonga. A este cambio tamén fixo alusión a alcaldesa, que lembrou que «vivimos tempos de cambios e esta cidade, como sempre fixo, acólleos cunha gran capacidade de adaptación, porque as novas tecnoloxías son un campo perfecto para expandir a segunda gran modernización da Coruña».
A este respecto, a rexedora destacou que «estamos a vivir unha época de transición industrial, non só polas necesidades climáticas, senón tamén polas novas especializacións derivadas dos avances científicos e tecnolóxicos. E A Coruña debe ser peza angular de todas elas». Na cidade e a súa contorna máis próxima hai, actualmente, máis de 500 empresas vencelladas ao sector tecnolóxico, que facturan máis de 1.100 millóns de euros.
Lembranza á figura do reitor da UDC, Julio Abalde
No acto de apertura do CSA, ademais de Inés Rey, tamén participaron a concelleira de concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa; o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o delegado do Goberno, Pedro Blanco e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Durante a súa intervención, a alcaldesa puxo en valor a figura do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, que a finais de ano deixará o seu cargo, que ostenta desde o 2016. «Sen Julio, iniciativas como a Cidade das TIC non se poderían entender. O reitor deixa un exemplo magnífico de como as universidades poden ter unha incidencia ampla na sociedade, poñendo o seu coñecemento ao servizo de todas e todos», dixo Rey.
Neste sentido, Rey tamén lembrou que, no pasado mes de setembro, acadouse xa un acordo para a creación dunha sociedade xestora entre a Universidade da Coruña e o Concello para a propia xestión da Cidade das TIC, sociedade que estará en marcha, previsiblemente, antes de finais de ano.
A achega municipal ás obras de urbanización da Cidade das TIC
O Concello da Coruña achega máis de tres millóns de euros ás obras de urbanización da Cidade das TIC, un investimento que se aprobou no Pleno municipal en novembro de 2022 co obxectivo de acometer un plan de melloras nos accesos ao recinto, así como para incrementar as dotacións do mesmo.
Ademais, para axilizar a instalación de novas dependencias e lanzadeiras de empresas, o Concello tamén aprobou definitivamente no Pleno de marzo o estudo de detalle da Cidade das TIC promovido pola Universidade da Coruña.
A antiga Fábrica de Armas da Coruña, que acolle os terreos onde se están a executar as obras da Cidade das TIC, está clasificada no Plan Xeral como solo urbano inserido na Ordenanza Zonal 7 de uso industrial pesado, na que está previsto o uso complementario vencellado ás TIC nun 50% da edificabilidade do proxecto. Neste sentido, o estudo de detalle que recibiu a aprobación plenaria ten como obxecto a ordenación desta edificabilidade xa recollida dentro dos volumes existentes e proxectando novos volumes.
O impacto da AESIA
No acto desta mañá, Inés Rey fixo fincapé «na aposta do Concello, da cidade, polo sector das novas tecnoloxías, un motor económico e estratéxico para continuar coa transformación da Coruña». A alcaldesa lembrou que, ademais da Cidade das TIC, tamén se está a avanzar na posta en funcionamento da Axencia Estatal para a Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que Inés Rey tratou onte no seu encontro coa vicepresidenta primeira do Goberno en funcións, Nadia Calviño. Tras aprobarse os estatutos da AESIA en setembro, o seguinte paso será a creación do padroado que xestionará a Axencia, que estará localizado no histórico edificio da Terraza, nos Xardíns de Méndez Núñez.