Novo paso peonil elevado na avenida de Arteixo

por Redacción A Coruña

O persoal do Centro Integral de Mobilidade finalizou este luns os traballos para a regulación semafórica do cruzamento, creado para facilitar o paso das e dos peóns, e promover o calmado do tráfico rodado na contorna

Este luns abriuse á circulación un novo paso peonil elevado na avenida de Arteixo, situado á altura do cruzamento coa rúa Enciclopedia Francesa. Desta forma, o Concello avanza no seu plan para mellorar as conexións peonís entre o barrio dos Mallos e o parque de Vioño.

A intervención, promovida pola Área de Economía e Planificación Urbana, dá resposta a unha demanda veciñal. As obras comezaron a finais de xullo, e implicaron a renovación xeral do pavimento e os accesos á beirarrúa, así como a elevación da vía de circulación rodada co obxectivo de dar forma ao novo paso peonil e, así, contribuír ao calmado do tráfico nun enclave onde o tránsito de vehículos é habitual.

Ademais, remodelouse un pequeno treito da medianeira vexetal que separa ambos os sentidos de circulación da avenida de Arteixo —sen afectar ao arboredo existente—, para crear unha illa con pendente accesible na intersección central do paso peonil.

Neste sentido, tanto nos accesos ao paso peonil —nivelado á escala da beirarrúa— como na intersección central tamén se dispuxo un pavimento diferenciado con lousas podotáctiles, unha superficie en relevo que facilita a orientación das persoas invidentes.

O novo paso peonil habilitouse este luns tras completarse os traballos de regulación semafórica executados desde o Centro Integral de Mobilidade (CiMob), coa activación dos novos báculos instalados no cruzamento.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario