Conclúen as obras de mellora do parque infantil de Caión

por Redacción A Coruña

O mesmo proxecto inclúe obras nos situados na Praza do Concello, praza O Recreo, parque Maximino Canedo e O Cruceiro de Lendo. A continuación faranse actuacións similares nos de Paiosaco

O parque infantil de Caión, situado na Insua xunto ao colexio, xa está aberto ao público ao finalizar os traballos de mellora do equipamento. Foron renovados os xogos e instalado pavimento continuo de caucho en tres espazos diferenciados. O alcalde, José Manuel López Varela, e as edís Patricia Bello e Rocío López, desprazáronse ata Caión para comprobar o resultado dos traballos realizados.

Actuacións de similares características están en fase de execución nos parques infantís das prazas do Concello e O Recreo, ambas situadas na capital municipal, que permanecen pechados temporalmente mentres se desenvolven as obras. 

A continuación intervirase no parque Maximino Canedo, tamén na Laracha, e no da praza do Cruceiro de Lendo, xunto ao centro sociocultural desa parroquia.

En total neste proxecto investiranse máis de 50.000 euros, contando o Concello para o seu cofinanciamento coa colaboración económica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental.

Unha vez completada a execución deste proxecto, o Concello ten previsto levar a cabo outros de similares características que afectará aos parques infantís de Paiosaco.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario