Efrén Castro indicou que o persoal da Deputación traballa nun proxecto que concrete a mellor solución técnia e o investimento necesario para cambiar a cuberta
O Pazo dos Deportes presentará un aspecto renovado para o partido do vindeiro domingo entre o CB Breogán e o FC Barcelona. Os traballos de montaxe dos novos asentos, azuis e con respaldo, no aro inferior das bancadas avanzou de forma definitiva na última semana.
Unicamente queda pendente a instalación das cadeiras da fila 11, que precisan dun sistema de anclaxe adaptado as dimensións desa bancada, máis estreita que o resto.
A empresa adxudicataria habilitará uns bancos provisionais para as persoas que ocupen esas localidades no vindeiro partido.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro explicou que “coa instalación dos novos asentos practicamente concluída, os esforzos dirixiranse agora á elaboración dun proxecto para a renovación da cuberta, que resolva de forma definitiva as pingueiras e filtracións que se producen, especialmente en episodios de vento e choiva intensa”
O tamén deputado de Deportes, que se achegou ás instalacións para comprobar as consecuencias da climatoloxía da pasada madrugada sobre a cuberta, explicou que “as reparacións realizadas a comezos de outubro selaron algúns dos puntos máis problemáticos pero será necesario seguir realizando intervencións parciais ao longo da temporada,ata que se poida levar a cabo a renovación da cuberta”
Efrén Castro adiantou que “o persoal técnico da Deputación está a traballar nun proxecto que concrete a mellor solución técnica e o investimento necesario para o cambio da cuberta, que requerirá da colaboración doutras administracións no financiamento”.