A Delegación Territorial colabora coa Fundación Breogán neste ciclo de conferencias no que deportistas de elite comparten a súa experiencia coa mocidade lucense.
O excapitán da selección española de rugby Jaime Nava será o encargado de abrir o vindeiro 29 de setembro unha nova edición do ciclo Luz ao deporte, que organiza a Fundación Breogán co apoio da Xunta de Galicia. Así o avanzaron hoxe o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director desta entidade, Luis Abel Taboada.
A Fundación breoganista está ultimando o programa, con outras tres conferencias no último trimestre do ano que, como é habitual, terán lugar no salón de actos da Delegación Territorial; están dirixidas a escolares lucenses e contan tamén coa colaboración de Abanca.
A iniciativa pretende amosar á mocidade os valores intrínsecos do deporte a través da experiencia persoal de deportistas de elite, que comparten co auditorio lembranzas e aprendizaxes extraídas da súa traxectoria profesional e vital.
Jaime Nava iniciou a súa carreira deportiva no Alcobendas Rugby, debutou coa selección española no 2002, con tan só 18 anos, e actualmente colabora coa Federación Española de Rugby como embaixador deste deporte. Rematada a súa etapa como xogador profesional, compatibiliza as facetas de actor e divulgador, impartindo charlas sobre liderazgo e motivación.