O portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, recorre á ironía para levar máis unha vez o asunto da Casa Cornide ao Pleno do Concello que terá lugar o vindeiro xoves 9 de novembro
Faino en forma de pregunta oral e co seguinte texto: “Cando o Goberno Municipal anunciou a presentación antes de fin de ano dunha demanda para recuperar a Casa Cornide, a que ano en concreto se refería?”.
A ironía nace de que existen abondosos precedentes de anuncios incumpridos por parte do Goberno Local sobre a interposición da demanda que recupere para o patrimonio do Concello aquilo que foi usurpado por Franco durante a ditadura.
“En novembro de 2021 o Goberno Local anunciou que presentaría a demanda en decembro. Un ano despois, volveuno reiterar. Mais ese decembro pasou a ser decembro de 2022. E pasou decembro de 2022 e a demanda tampouco foi presentada”, refire o portavoz nacionalista.
En realidade, decorreron máis de catro anos desde que en setembro de 2019, no primeiro Pleno do anterior mandato, acordárase, a iniciativa do BNG, interpor unha demanda contra os Franco para recuperar un palacete que en tempos foi sede do Concello.
E esa demora non atopa a menor xustificación, levando en conta que desde 2020, salienta Jorquera, o Goberno Local “dispón dun estudo histórico e dun informe xurídico sobre as vías de recuperación da Casa Cornide para o patrimonio público”.
Desde aquela altura o que vimos foi un espectáculo pouco edificante, o de Concello e Xunta botándose a culpa uns a outros. “O Goberno Local utilizaba como pretexto que a Xunta aínda non concluíra o expediente para a súa declaración como BIC, mentres que o Goberno Galego replicaba que o Concello aínda non iniciara os trámites xurídicos para reclamar a titularidade da casa”.
O tempo das escusas esgotouse desde o momento en que a Casa Cornide xa é BIC a todos os efectos, aínda que “falta que a Xunta adopte medidas para esixir aos herdeiros do ditador a súa apertura ao público”.
No seu momento, a presión popular conseguiu que se iniciasen accións legais para recuperar o Pazo de Meirás, “e hoxe felizmente xa non está en mans dos usurpadores”.
Pois ben, o Concello debe seguir ese exemplo e, sen máis dilación, debe presentar a demanda para restituír a Casa Cornide ás súas lexítimas donas e donos, as e os coruñeses.