A Valedora do Pobo reitera a petición de información a Tomé trala súa negativa a informar sobre o veto de acceso a instalacións provinciais aos deputados do PP

por Redacción Lugo

Os deputados populares explican que a Valedora do Pobo remitiulles hai uns días unha carta informando das trabas postas por parte de José Tomé para avanzar na petición de amparo realizada e para explicar as actuacións realizadas ata o momento

A Valedora do Pobo remitiu unha carta aos deputados do Grupo Provincial Popular na que informa que o pasado 2 de novembro requiriron de novo información a Deputación Provincial sobre o veto de acceso aos populares a dependencias provinciais xa que, segundo reflicte na carta, “a Deputación Provincial de Lugo aínda non remitiu o informe demandado, con data de hoxe requirímolo novamente, lembrando expresamente a esa Administración que tal envío resulta unha obrigación legal (artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo)”.

O voceiro popular Antonio Ameijide afirma que “queda claro que José Tomé ten algo que agochar xa que se nega a poñer a disposición da Valedora do Pobo a información solicitada”.

Segundo o artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo:

  1. Admitida a trámite unha queixa, o Valedor do Pobo promoverá a oportuna investigación sumaria e informal. En todo caso, informará o organismo ou a dependencia administrativa do contido substancial da solicitude, reunindo cantos datos coide pertinentes, que terán que serlle remitidos no prazo de quince días, a non ser que a complexidade do asunto aconselle, ao seu criterio, prorrogar o prazo por un mes.
  2. A negativa ou neglixencia de calquera organismo, funcionario ou dos seus superiores responsables ó envío dos informes solicitados poderá ser considerada polo Valedor do Pobo de Galicia como hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, se é o caso, ó Parlamento. Tamén poñerá os ditos feitos en xerárquico, informando sobre o seu comportamento por se fose susceptible de corrección disciplinaria.

O popular recorda que a Valedora do Pobo admitiu a trámite o escrito de queixa por parte dos deputados do Grupo Provincial Popular pedindo amparo para facer valer os seus dereitos ante o “veto incomprensible” por parte do goberno da Deputación e do seu presidente, José Tomé, á entrada dos deputados populares en dependencias que son titularidade da institución provincial.

A Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa dos deputados populares ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei da Valedora do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 23 da Constitución, polo que iniciou as actuacións ante a Deputación de Lugo requiríndolle información sobre o motivo a queixa.

Antonio Ameijide considera “inadmisible” que José Tomé entorpeza a actuación da Valedora do Pobo e insta ao presidente da Deputación “a colaborar en todo o que se lle solicite” continuando coa súa “actitude absolutista” tras vetar a entrada dos deputados populares ás dependencias do Parque Móbil e tamén ás oficinas situadas no antigo Fogar de Santa María.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario