O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia úrxelle ao concello a que proceda a buscar financiamento para a creación do novo museo de Carlos Casares na localidade. Os e as socialistas denuncian que cinco meses despois de producirse o cambio de goberno o proxecto “non está nin redactado, nin tampouco teñen claro onde van a buscar o financiamento necesario para a súa execución.
A voceira do PSdeG-PSOE, Elvira Lama Fernández, acusa ao goberno de Amador Díaz e do Partido Popular de “desentenderse dos proxectos culturais ambiciosos, como é a creación do novo museo de Carlos Casares, no edificio mercado para tal fin o pasado mes de maio polo anterior goberno encabezado polos socialistas”.
Dende o grupo municipal socialista de Xinzo de Limia lembran que o proxecto, tal e como está reflectido na memoria, “serviu de base para acometer a compra dun inmoble na Praza Maior da vila, que ademais de servir para o museo, empregaríase tamén como punto de información turística de todo o concello e da comarca”. Tal e como subliñan as e os socialistas “a memoria contaba para a compra e rehabilitación do inmoble cun orzamento total de 396.457,05 euros”.
“A xustificación está na procura de atopar unha sede permanente da obra do escritor, por ser este un enclave singular no centro da vila, que ademais de servir como zona de museo aberto a cidadanía, presentaría unha superficie aproximada de 300 m², cunha distribución de aulas didácticas de estudo e recompilación de manuscritos orixinais”, explica Lama Fernández. A voceira socialista tamén apunta que a proposta de intervención “estaría composta por unha planta baixa, na que 40 m² serían para un punto de información turística, con recepción, hall-expositor, comunicacións verticais e baños, cunha primeira sala de exposición e unha segunda con 3 despachos e unha sala de xuntas, ademais doutra sala para catalogación de obras e un almacén”.
O PSdeG-PSOE de Xinzo apunta que no pleno do mes de setembro, “xa preguntamos se estaba redactado o proxecto de obra e buscado o financiamento, e a resposta chega dous meses despois, cando nos indican que se está traballando para o baleirado de parte do material, e ademais celebrouse unha reunión coa Fundación Carlos Casares, na que esta se comprometeu a colaborar na busca de financiamento para as obras”. Unha vez recibida a resposta, a voceira socialista Elvira Lama subliña que “entendemos que nin está redactado o proxecto, nin se ten buscado financiamento de ningún tipo” e afirma que “vemos o nulo interese deste bigoberno por poñer en valor a obra do autor, que a día de hoxe permanece agochada na planta baixa do Museo Galego do Entroido, sen que nin visitantes, nin moitos veciños e veciñas, saiban que existe”.
“O alcalde e o seu grupo de goberno cambiaron de bando porque se supoñía que cos novos socios de goberno do PP traerían inxentes cantidades de cartos, tanto da Xunta como da Deputación, para o financiamento de múltiples proxecto e investimentos, debe ser que este proxecto non forma parte dilo”, denuncian os e as socialistas.
Por último, dende o PSdeG-PSOE de Xinzo lembran que o inmoble foi adquirido por un importe de 60.000 euros, con cargo a unha subvención nominativa da Deputación Provincial para tal fin. Actualmente, e tal e como sinalan os e as socialistas “presenta graves danos estruturais, que xa foron advertidos ao alcalde en sesión plenaria, ante o risco de derrube do teito, por mor do seu afundimento, tal e como se apreciaba no momento da adquisición”. “Esta cuberta está turrando cara o exterior da parte da sillería da fachada, polo que precisa dun baleirado do interior coa maior urxencia”, alertan dende o grupo municipal socialista.