A Xunta urxe convocar o CPFF para ter igualdade de trato no acceso ao financiamento

por Redacción Galicia

As contas de 2024 ascenden a 13.257M€ e son as máis altas da historia de Galicia

O conselleiro de Facenda e Administración Publica, Miguel Corgos urxiu hoxe ao Goberno central a convocar o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para ter igualdade de trato no acceso ao financiamento.

Así o expuxo hoxe no Parlamento durante a súa intervención no Debate de Totalidade dos Orzamentos para 2024 onde explicou que ese é o foro no que se deben abordar de maneira multilateral entre todas as comunidades autónomas as medidas a tomar en materia de débeda, financiamento autonómico, as medidas extraordinarias pola suba de prezos e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Estabilidade, persoas e futuro

Os orzamentos de 2024 ascenden a 13.257 millóns de euros, os máis altos da historia de Galicia para investir en estabilidade, investir nas persoas, e investir no futuro co obxectivo de achegar certezas ás familias e aos cidadáns e afrontar os retos de Galicia e todo isto sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos.

O conselleiro subliñou que o modelo orzamentario do Goberno galego se basea en dez fortalezas: a consolidación do crecemento, a consolidación do emprego, a consolidación da converxencia, a competitividade de Galicia e a súa apertura ao exterior, a consolidación do reforzo dos servizos públicos, un modelo fiscal competitivo, o déficit cero, o esforzo investidor, o pago áxil e a planificación.

Neste marco, Miguel Corgos explicou que os presupostos do ano que vén invisten en estabilidade cunhas finanzas solventes, que non xeran débeda e que consolidan os beneficios fiscais aos galegos e ás galegas para continuar a ser unha das comunidades cun mellor tratamento ás rendas medias e baixas.

En segundo lugar, invisten nas persoas para reforzar os servizos públicos autonómicos e reforzar tamén o apoio aos galegos e galegas que máis o precisan; apostan pola modernización do servizo de saúde; a inclusión de novas prestacións; o reforzo dos servizos sociais, en especial a atención ás persoas maiores; reforzan o apoio ás familias e as políticas de vivenda; e impulsan medidas de integración no mercado de traballo e loita contra a exclusión.

E, en terceiro lugar, son unhas contas que invisten no futuro, que sentarán as bases do crecemento e do emprego futuros, fomentando o desenvolvemento dos proxectos transformadores que Galicia está a impulsar para a transición dixital, ecolóxica e enerxética, aproveitando os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.

Gasto social e novas rebaixas de impostos

Estes presupostos inclúen o maior gasto social da historia da autonomía que ascende a 9.774 millóns de euros para sanidade, educación, políticas sociais e emprego. Así, o vindeiro exercicio, dedicaranse á Sanidade pública 5.165M€; 2.858M€ ao ensino público; 1.303M€ a políticas sociais; e 448M€ a emprego.

Ademais, inclúen un reforzo do investimento produtivo, de forma que o vindeiro exercicio, a Comunidade disporá de 2.838 millóns de euros para investimentos, un 2,4% máis que no 2023. Se se ten en conta o esforzo investidor acumulado nesta lexislatura, nos últimos catro anos a cifra supera os 10.500 millóns de euros.

En materia de política fiscal, a Xunta conta cun modelo fiscal propio e previsible, que inclúe rebaixas tributarias que priorizan cada ano ás rendas medias e baixas e con colectivos prioritarios: os mozos e mozas menores de 36 anos; as familias numerosas; as persoas con discapacidade ou as vítimas de violencia de xénero. Os orzamentos do ano que vén consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento.

Como novidades, na declaración do IRPF do ano 2023 que se realiza no 2024, as familias con dous fillos xa poderán deducir 250€, dedución que ata agora tiñan as familias numerosas de categoría xeral. Ademais, de forma paralela, duplícase esta cantidade para as familias numerosas, que pasarán a deducirse 500€ e increméntase esta dedución noutros 250 € por cada fillo a maiores.

En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), o vindeiro ano rebáixase un punto o tipo xeral para a compra de bens inmobles usados (pasa do 9% ao 8%), que se suma a outro punto que xa se baixara no ano 2022; rebáixase máis da metade o ITP para a compra de vehículos usados (do 8 ao 3%), e elimínase o imposto para as compras de vehículos cualificados de ‘baixas emisións’ e vehículos de mobilidade persoal. Estas dúas decisións axudarán a dinamizar as operacións nos sectores inmobiliario e automobilístico.

En resumo, as de 2024 son unhas contas que buscan atender as necesidades da sociedade galega, apostar polo reforzo e modernización dos servizos públicos e apoiar ás familias, empresas e sectores máis vulnerables.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario