O CEIDA inicia un ciclo de encontros con dous referentes da conservación en España

Miquel Rafa e Jordi Sargatal serán os primeiros convidados dos Encontros Axenda 2030 que comezan este mes de novembro

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA) estrea un novo espazo para o debate e a reflexión, os Encontros Axenda 2030, adicados este mes de novembro á conservación das paisaxes para a natureza e as persoas. Co apoio da Deputación da Coruña e dentro do programa ‘Para unha Transición Ecolóxica’, o obxectivo desta primeira xornada é salientar a importancia e a necesidade de conservar o noso patrimonio natural a través da experiencia de persoas que levan moitos anos traballando neste ámbito desde diferentes entidades.

O acto terá lugar o vindeiro venres, 24 de novembro, de 11 a 13 horas, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), e contará coa participación de:

Jordi Sargatal, coa ponencia ‘Educación e seducción ambiental’. Especialista con máis de 50 anos de experiencia no estudo e conservación da natureza, especializado en aves, en zonas húmidas e a xestión do territorio. Traballou como Director do Parque Natural de Aiguamolls de l’Empordà e da Fundación Territori i Paisatge. Autor de numerosos libros, entre os que destaca o Handbook of the Birds of the World, na que participa como coeditor, unha obra ambiciosa de 17 volumes para analizar e ilustrar todas as especies de aves do planeta.

Rafa, coa intervención ‘Conservación da natureza: paisaxes, natureza e persoas’. Director de Territorio e Medio Ambiente da Fundación Catalunya – La Pedrera. Biólogo, especialista en conservación da natureza cunha experiencia de máis de 30 anos traballando en ONGs a nivel internacional. Presidente do Consello de Protección da Natureza de Cataluña e membro da Comisión Mundial de Áreas Protexidas da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN – WCPA). Divulgador e comunicador da natureza.

Ao finalizar as súas intervencións, abrirase un diálogo entre os convidados participantes, moderados polo director-xerente do CEIDA, Carlos Vales.

O encontro ten carácter presencial, mais tamén é posible seguilo vía online a través da plataforma Zoom, previa inscrición. Máis información.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios