O Goberno de Antas de Ulla vén de detectar impagos do subministro de enerxía eléctrica dende o ano 2016 por parte do anterior executivo local

por Redacción Lugo

Foi durante a elaboración do orzamento para o 2024, que se someterá a aprobación inicial o vindeiro xoves, cando se revelou a existencia dun burato de 341.072,63 euros pola falta de aboamento do subministro de enerxía eléctrica, deixado polo anterior alcalde Javier Varela.

Pese a que os recibos sen aboar se acumulaban cando menos dende o 2016 e unha sentenza firme do 18 de febreiro do 2021 obrigaba ao Concello de Antas de Ulla a pagar 135.665,58 euros máis os intereses, dous anos despois dese fallo xudicial a Administración local aínda debía 92.703,44 euros máis os intereses de demora.

A débeda total a día de hoxe, os anteditos 341.072,63 euros, está en parte xudicializada con sentencia e cun acordo de pagos para liquidala xunto coa facturación corrente en pagos mensuais, pero non se cumpriu nin coa compañía Gas&Power, por un importe de 247.550.89 euros no período de Xaneiro do 2015 a xullo do 2020, nin con Naturgy Iberia, por 28.128,88 euros entre xuño do 2017 e outubro do 2020.

Debido á gravidade da situación, dende o Concello, o goberno de Pilar García Porto xa mantivo un encontro cos acredores co fin de fraccionar a débeda e establecer un acordo para uns prazos de pago realistas, que a Administración local poida asumir xunto coa facturación corrente. O dobre obxectivo desas conversas á tanto garantir o subministro como regularizar unha situación que está a xerar graves prexuízos ás arcas municipais.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario