Esta iniciativa será impulsada a través das emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2024
O Bloque Nacionalista Galego promove a través dunha iniciativa no Parlamento galego a creación dun centro de día público na localidade chairega. Esta proposta impulsarase a través das emendas aos orzamentos da Xunta para o ano 2024.
A iniciativa do BNG demanda ao Goberno galego que se comprometa e destine partidas orzamentarias para a construción do centro de día, coa dotación de recursos precisos, tanto materiais como humanos.
Constantino Alvite, concelleiro do BNG, explicou «Vilalba leva máis de 20 anos de espera, con continuos anuncios mais sen ningunha actuación da Xunta para a súa posta en marcha» e subliñou «desde o BNG levamos a construción ao debate destes orzamentos para que se poña en marcha canto antes, é unha débeda histórica con Vilalba e tamén coa comarca da Terra Chá».
Alvite destacou que Vilalba como cabeceira de comarca, con máis de 14000 habitantes e cunha poboación maior que supón o 30% «é vital contar con servizos públicos para garantir unha vellez digna e facer posíbel a conciliación familiar, xerando máis benestar» Este centro de día «é un compromiso concreto e urxente».
Neste senso, o concelleiro fixo fincapé «a veciñanza leva demasiado tempo e nin o PP nin o PSOE dan cumprido as súas promesas para establecer este servizo público, mais o BNG seguirá a traballar para a creación deste servizo crucial; agardamos que o PP á fronte da Xunta non vote en contra desta proposta».