A actuación está valorada en máis de 156.000 euros e tamén contempla o cerramento perimetral, iluminación en báculos e acceso desde a estrada
O alcalde, José Manuel López Varela, xunto aos representantes de Naos Arquitectura como redactora do proxecto de construción da nova pista polideportiva de Paiosaco e dirección de obra, e da empresa contratista Jardinería Arce, asinaron a acta de comprobación do replanteo, o trámite previo ao inminente inicio das obras.
A actuación, que suporá un investimento de máis de 156.000 euros, vaise acometer sobre parte dos terreos adquiridos polo Concello xunto ao CEIP Alfredo Brañas. Ademais da creación da pista cun pavimento deportivo e medidas interiores de 46×32 metros, contempla o marcado dos campos de xogo para as diferentes disciplinas (fútbol sala, baloncesto e balonmán), o cerramento perimetral da mesma cun valado de catro metros de altura e a iluminación en báculos que facilite o seu uso a calquera hora do día, para o que se require das correspondentes canalizacións soterradas do servizo eléctrico.
Para unha axeitada integración no entorno no que se sitúa, tamén se inclúen actuacións oportunas para favorecer a recollida de pluviais e a adecuación dos accesos desde a estrada por medio dunha beirarrúa que tamén comunicará a pista co colexio. De feito, o novo equipamento abrirá novas oportunidades para o centro educativo ao permitirse o seu uso durante o horario lectivo.
Esta será a primeira pista polideportiva descuberta e de uso libre que o Concello habilitará na vila de Paiosaco. O novo equipamento ofrecerá tamén alternativas para o aproveitamento do tempo libre especialmente entre a mocidade, potenciando nese grupo de idade a práctica da actividade deportiva e, por tanto, dos estilos de vida saudables. A ubicación é estratéxica ao construírse a carón do colexio e moi preto do campo de fútbol municipal A Porta Santa e o centro sociocultural de Paiosaco.