O Mercado Sostible de Nadal chega este sábado a Novo Mesoiro

por Redacción A Coruña

Ademais dos postos de venda, nos que haberá máis de 20 firmas de comercios e produtores de proximidade, haberá actividades de animación para todos os públicos entre as 10.00 e 15.00 horas

O Concello da Coruña promove durante a fin de semana unha nova edición dos Mercados Ecolóxicos Municipais, que chegan este sábado 23 ao barrio de Novo Mesoiro cun formato especial polas festas de Nadal. Terá lugar entre as 10.00 e 15.00 horas, no parque da tirolesa da área infantil próxima á avenida de Novo Mesoiro e á rúa Illa de Sálvora.

Neste sentido, xa está confirmada a presenza de máis de 20 firmas asociadas a comercios e produtores de proximidade, que habilitarán os seus postos de venda ao longo da mañá. Todas as propostas que estarán á disposición das persoas asistentes van en sintonía cos principios básicos de economía circular e compra sostible promovidos polo Concello, que aposta pola reutilización, reciclaxe e redución do consumo de recursos para contribuír a diminuír a contaminación ambiental e mitigar o impacto do cambio climático.

En paralelo, haberá un amplo abano de actividades de animación para todos os públicos, con obradoiros infantís, actuacións musicais e unha visita especial de Papá Noel. A asistencia, como xa é habitual, será de balde. O cronograma da xornada, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, será o seguinte:

De 10.00 a 15.00 horas

  • Espazo de dinamización infantil.
  • Intercambio de roupa.
  • Photocall de Nadal.

De 11.00 a 13.00 horas

  • Visita de Papá Noel ás nenas e nenos.

De 13.00 a 14.00 horas

  • Concerto de Aixa Romay.

Así funciona o formato rotativo dos mercados ecolóxicos municipais

Co fin de poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe ética e local ao maior número de persoas, o Goberno de Inés Rey está a dar continuidade ao novo formato rotativo dos Mercados Ecolóxicos Municipais, estendendo este evento polos diversos barrios da cidade.

A outra gran novidade deste formato dos Mercados Ecolóxicos Municipais é a súa realización todas as fins de semana do mes: o primeiro e o terceiro domingo, no Campo da Leña, e o segundo domingo de cada mes na praza da Tolerancia, en Labañou. Xa o último domingo do mes, o mercado vai rotando por distintos barrios e localizacións, como Novo Mesoiro, o Parque Europa de Catro Camiños e a praza de San Cristovo, nos Mallos. 

Neste sentido, hai dúas modalidades de mercado: o mercado ecolóxico, que é o que se realiza no Campo da Leña, e o mercado de compra sostible, correspondente ao da praza da Tolerancia e outros lugares. Os mercados do Campo da Leña están especializados en produtos ecolóxicos, que acreditan criterios éticos e sostibles na súa produción, elaboración ou materias primas. Os mercados na praza da Tolerancia, e outras localizacións, fomentan a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra dos 4R. O obxectivo é poder ofrecer o maior número de produtos de economía sostible e actividades paralelas como obradoiros, concertos e actividades para os máis pequenos.

Todos os mercados se realizan no mesmo horario, de 10.00 a 15.00 horas. A este respecto, a información relativa a cada unha das sesións que se realizan pódense atopar nas redes sociais do mercado (@mercaecocoruna) e nas do Concello da Coruña.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario