A iniciativa municipal responde á crecente demanda de solo urbanizable para a construción de novas vivendas.
O Concello lembra que o 2 de setembro rematará o prazo de presentación de ofertas no procedemento para o alleamento de seis parcelas municipais na urbanización Monte Claro do Cancelo do Medio, na parroquia de Cabovilaño. A adxudicación das mesmas farase mediante sistema de poxa á alza. As propostas poden presentarse tanto por medios electrónicos como presencialmente no Rexistro do Concello.
Esta iniciativa responde á crecente demanda de solo urbanizable para a construción de novas vivendas existente no termo municipal da Laracha, poñendo o Concello a disposición da cidadanía terreos municipais situados nunha das zonas residenciais con maior proxección do concello da Laracha.
As seis parcelas están destinadas á construción de vivendas unifamiliares e presentan diferentes características. A máis ampla é de 442 m2 e cunha edificabilidade de 184 m2. Tres presentan unha superficie de 375 m2, sendo a edificabilidade de 160 m2 nunha delas e de 150 m2 nas outras dúas. E as máis pequenas son de 350 m2 cunha edificabilidade de 150 m2.
Para a adxudicación o único criterio de valoración será o maior prezo ofertado. As persoas interesadas poderán presentar unha oferta por cada unha das parcelas ás que desexen optar.
O Concello da Laracha dispón dun total de trece parcelas municipais nesta urbanización do Cancelo do Medio. Mentres seis delas son obxecto deste expediente que se desenvolve mediante licitación aberta, as outras sete están incluídas noutro procedemento -actualmente en tramitación- para incorporalas ao Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).