Dentro dunha semana remata o prazo de presentación de curtametraxes en galego para a segunda edición do Norte Cinema Diverso. O festival de cine LGTBIQ+ da Coruña celebrarase este ano os días 29 de febreiro, 1 e 2 de marzo no teatro Colón.
A promoción de curtametraxes en idioma galego é unha das novidades desta edición. “Todas aquelas obras gravadas en galego, e que non vaian máis aló dos trinta minutos, poden inscribirse antes do 12 de xaneiro. Para participar só é necesario enviar a obra a nortecinemadiverso@gmail.com«, explica Fernando Cayazzo, un dos directores da mostra coruñesa.
O festival Norte Cinema Diverso está organizado pola asociación Palestra da Coruña e conta coa colaboración do concello da Coruña e da cinemateca da Fundación Pedro Zerolo.